José Rivera: "Volvín sentirme futbolista"

Seis meses despois, José Rivera disputou de novo minutos oficiais co primeiro equipo do Pontevedra
José Rivera. DP
photo_camera José Rivera. DP

O pasado 24 de marzo, José Rivera cambiou a dinámica do primeiro equipo do Pontevedra. No seu segundo partido en Segunda B (no primeiro, contra o Fabril, apenas xogou o engadido), o dianteiro vilagarcián anotou un tanto postremeiro contra o Guijuelo (2-1) que abriu un refacho de cinco triunfos consecutivos que colocou ao PCF cuarto. Finalmente, o equipo non se meteu no play-off de ascenso. Pero o tanto de Rivera foi a clave da reacción granate. 

Con todo, ese gol nos seus primeiros minutos na categoría de bronce non conduciron a máis oportunidades. Aínda no seu primeiro ano como sénior e con ficha da filial, Rivera tívose que contentar con seguir varios partidos desde a banda. E noutros, apurar os seus rexistros como máximo goleador do Grupo 5 de Primeira Autonómica co Pontevedra B. 

Quizá por aquel entón non estaba preparado do todo. Pero tanto o club como o xogador conviñeron este verán o seu ascenso ao primeiro equipo. Pasaría a ser un máis para Luismi. 

Con todo, tiveron que pasar case oito partidos para que o atacante debutase. Era o único que faltaba por facelo. Entremedias, case dous meses en branco nos que non axudou a imposibilidade de descender á filial. "Eu quíxeno así. Quería centrarme en intentar xogar aquí. Creo que mo gañei o ano pasado. Quería probalo, porque era unha oportunidade moi grande", apunta o 19 granate. 

"Teño que deixarme os xeonllos para gañarme a confianza do míster", recoñece José Rivera

O pasado sábado, Rivera tivo de novo unha oportunidade. Outra vez nunha situación límite, como ante o Guijuelo. Pero sen a mesma sorte. A pesar diso, o atacante admite que sentiu "ben". "Vinme moi cómodo, porque o equipo estaba a atacar e a min favoréceme iso. Foi unha pena que non nos levásemos algún punto de Madrid. Eu na segunda parte pensaba que o iamos a conseguir", apunta. 

Coa súa terceira participación en Segunda B, primeira esta tempada, Rivera admite: "Volvín sentirme futbolista". "Levaba xa sen xogar desde a pretemporada e ponche contento volver ao campo, aínda que sexan uns minutos", asegura o louro, que recorda o pasado curso "era distinto" porque se non podía xogar no primeiro equipo, facíao na filial. "Ao final tes os teus minutos e séntesche futbolista", recalca. 

Criado entre o Arousa, o Deportivo da Coruña e o Pontevedra, José Rivera tivo como un dos seus últimos mentores a Luismi Areda, no Xuvenil A granate. Agora, ambos se volven a reencontrar no primeiro equipo. ¿Por que non aposta máis por el? "Igual aínda non me ve preparado para xogar nesta categoría... A ver, a tempada é moi longa. Eu espero o meu momento e si me vexo listo. Estou seguro de que haberá oportunidades para todos. Van oito xornadas, aínda é pronto", responde a punta, que recoñece que Luismi pídelle que estea "tranquilo" e "siga traballando" porque conta con el. 

"Igual Luismi aínda non me ve preparado para a categoría. Él dime que teña paciencia porque conta comigo e xogarei"

COMENTARIOS. Sobre os moitos comentarios de afeccionados que piden máis presenza do atacante, Rivera recoñece escoitar algo". "Pero iso tenme que dar igual. Para ben e para mal. O que decide é o míster. Eu teño que adestrar duro, matarme e deixarme os xeonllos no campo para intentar gañarme a súa confianza. Debo traballar, esperar a que me dean a oportunidade e gañarma", recalca no mesmo sentido. 

Así mesmo, sobre a falta de acerto do equipo no remate, Rivera recoñece pensar algunha vez: "Se estou aí, métoa fixo". "Claro, logo sales e é diferente. Desde fóra parece todo máis fácil. Pero si que penso: igual algún gol podería facer", matiza. 

Todos estes partidos chupando banco no primeiro equipo serviron para que o atacante madure. "Si que me noto unha evolución. Sobre todo a nivel mental. Antes estabamos dez minutos defendendo e eu xa me desconectaba do partido. Agora xa estou a empezar a estar concentrado todo o tempo, sobre todo nos adestramentos", apunta. 

"Mellorei a nivel mental, pero aínda debo progresar nos contactos. Facer goles está claro que é o meu"

A pesar desta mellora, o de Vilagarcía entende que aínda debe adquirir máis corpo: "Noto que teño que mellorar nos contactos. Nos choques aínda me custa". 

Se o físico é aínda un debe a puír aos seus 20 anos case recentemente cumpridos, o que lle vén innata é a súa capacidade anotadora, como demostrou as dúas últimas campañas nos intres que tivo en liga e Copa Federación (leva tres dianas co primeiro equipo): "Facer goles está claro que é o meu".

"Saímos con medo logo do do Atlético B"
José Rivera considera que o equipo saíu "con algo de medo logo do que pasara a semana pasada contra o Atlético de Madrid B". "Pesáronnos eses eses 15 minutos. Pero a partir do 20, creo que foi un monólogo noso", recalca o atacante, que puido analizar o partido desde o banco e tamén a través das súas experiencias nos últimos minutos sobre o céspede.

De face ao futuro, Rivera apunta que o equipo "necesita cambiar a dinámica, ter un partido bo". Para iso, será imprescindible gañar ao Xetafe B este domingo (17.00 horas). "Que veña a xente a lume de biqueira a Pasarón, porque temos que gañar para recuperar a confianza", pide.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios