Voo directo cara a Croacia

O lateral do Club Cisne Los Sauces Álvaro Preciado formará parte do combinado español que participará a próxima semana no Campionato de Europa Xuvenil de Croacia. Desde este domingo, o pontevedrés atópase concentrado co equipo en Guadalaxara

Álvaro Preciado. J. CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Álvaro Preciado. J. CERVERA-MERCADILLO

A paixón polo balonmán demóstrase día a día sobre a pista, en cada adestramento e en cada partido. Ese sentimento foi o que levou a Álvaro Preciado, xogador do Club Cisne Colegio Los Sauces, a lograr cumprir un dos seus soños: Entrar na convocatoria do combinado español masculino para disputar un campionato de nivel. A próxima semana, Preciado formará parte do equipo de Alberto Suárez, que intentará chegar ao máis alto no Campionato de Europa Xuvenil que se celebra en Varazdin e Koprivnica do 9 ao 19 de agosto.

A aventura do lateral esquerdo no combinado español comezou en Sierra Nevada, cando Preciado foi convocado para formar parte dun stage de concentración xunto con outros 60 xogadores, entre os que se atopaban moi poucos novatos: "Ao principio ía un pouco asustado pero bueno, chegas alí e ves que os adestramentos son totalmente diferentes ao que estás afeito. A esixencia é moitísimo maior. Estiven seis días nos que non parei. Ademais iamos moi poucos xogadores novos".

E é que o certo é que, en Sierra Nevada, o pontevedrés tiña que superar o primeiro exame para entrar nos plans do seleccionador Alberto Suárez de face á cita croata deste mes de agosto. "Dábame un pouco de medo non dar o nivel, por se era moi alto, pero ao final creo que dei a talla. Obviamente, hai un par de xogadores que destacan sobre o resto, pero os demais somos todos dun nivel similar", comenta Preciado sobre a súa experiencia no stage de concentración.

Ademais de dar a talla con fartura en Sierra Nevada, Álvaro Preciado tamén demostrou de que material estaba feito no Campionato de España Xuvenil de Granollers, no que participou co Club Cisne Los Sauces, que ao final conseguiu levar a medalla de bronce, algo histórico para o palmarés da entidade cisneísta.

En xaneiro, Preciado tamén foi terceiro coa selección galega no Nacional por autonomías.

Ese cúmulo de grandes logros foi o que fixo que o seleccionador español vise en Preciado unha peza fundamental para o seu esquema de equipo. O lateral esquerdo ten moi claro que "eu creo que o que fixo que fose agora coa selección española foi o de Granollers, porque estaba alí o adestrador vendo os partidos. E bo, un equipo que queda terceiro de España, algún xogador bo imaxínome que tería que ter".

"Jabato xa me dixera algo antes de que lles gustara entrenando na concentración de Sierra Nevada" 

Tras a emoción de conseguir un terceiro posto no Nacional co equipo de toda a vida, Preciado recibiu a noticia da súa convocatoria como o colofón de ouro a unha gran tempada: "Jabato, que está metido na Federación Española de Balonmán coas categorías inferiores, xa me dixo algo de que lles gustou adestrando na concentración. En Granollers, tamén estiven a falar co adestrador porque o coñecía xa de ir a Granada. Díxome que tiña posibilidades de ir pero que quería seguir véndome, porque aínda non terminara a competición".

A principios do mes de xuño comezaron a saír as convocatorias de todas as categorías e "eu estaba moi impaciente porque saían as de todas as seleccións menos a nosa. Cinco días antes de saír a lista, o adestrador mandoume unha mensaxe dicíndome que estaba dentro do equipo pero que non podía dicir nada. Cando saíu oficialmente foi incrible. E iso que ao principio só llo dixen aos meus pais e non podía aguantarme máis e quería contarllo a todo o mundo".

De face á competición continental de Croacia, Preciado xa estivo concentrado coa selección en dúas ocasións, nas que xa puido disputar algúns amigables que lle serviron para coller rodaxe co equipo: "A nivel de sensacións, pois tiña medo. Os primeiros días custoume amoldarme porque era o único novo pero agora xa estou afeito, a xente é xenial e lévome moi ben con todos. Agora, quédannos tres partidos de preparación e xa estamos a desexar chegar ao Europeo".

España, nos últimos anos, converteuse nun referente do balonmán europeo polo que Preciado intentará chegar co equipo español o máis lonxe posible na competición europea e así pór o broche de ouro á súa gran campaña.

Comentarios