Amancio Ortega cae do podio dos máis ricos

Descende do segundo ao cuarto posto na lista Forbes tras o ascenso de Warren Buffet e do fundador de Amazon, Jeff Bezos
Amancio Ortega
photo_camera Amancio Ortega

O empresario galego Amancio Ortega, cofundador do xigante da moda Inditex, pasou de ser a segunda persoa máis rica do mundo a descender ata o cuarto posto no ranking que cada ano elabora a revista norteamericana Forbes. Aínda que o seu patrimonio non para de crecer, do mesmo xeito que os resultados da compañía, e xa alcanza os 66.350 millóns de euros, a fortuna que amasa o magnate estadounidense Warren Buffet (70.351 millóns) elevouse de tal xeito nun ano que lle arrebatou a Ortega a segunda posición, e o fundador de Amazon, Jeff Bezos, apeouno do podio ao pasar do quinto ao terceiro lugar con 67.739 millóns.

Á fronte da clasificación consolídase por cuarto ano consecutivo o fundador de Microsoft, Bill Gates, cunha fortuna próxima aos 80.000 millóns. Calquera cidadán do montón conformaríase cos 52.127 millóns que posúe o creador da rede social Facebook, Mark Zuckerberg, quen completa o 'top five' dun ranking integrado por 2.043 multimillonarios.

O dono do imperio téxtil con sede en Arteixo segue sendo o máis podente de Europa. O seguinte español na lista —hai 24 tras incorporar catro persoas cun caudal superior ao millón de dólares nesta última edición— é a súa filla Sandra Ortega, que baixa do posto 178 ao 209 a pesar de incrementar a súa fortuna ata os 6.236 millóns. A primoxénita colocouse nesta clasificación coa fortuna que herdou da súa nai, a cofundadora de Inditex Rosalía Mera, falecida en 2013. Tras ela, a terceira persoa máis podente do país é o presidente de Mercadona, Juan Roig, con 4.747 millóns.

Está 229 banzos por encima do presidente de Estados Unidos. Donald Trump, magnate inmobiliario, manexa un patrimonio equivalente a 3.257 millóns de euros.

Comentarios