Aprobada a publicación das condicións da poxa de interrumpibilidade

A iniciativa promovida por En Marea foi aprobada na Comisión de Industria do Congreso cos votos en contra do PP ►O atraso da poxa eléctrica, que cada ano condiciona a viabilidade da produción e o emprego de moitas industrias, preocupaba a empresas como Alcoa

A Comisión de Industria do Congreso aprobou este mércores, cos votos en contra do PP, a iniciativa promovida por En Marea e defendida pola deputada Yolanda Díaz para que se publique o calendario e as condicións da poxa de interrumpibilidade.

Nesta proposición non de lei, a coalición insta o Executivo en funcións a dar explicacións polas razóns que levaron a non facer públicas aínda estas cuestións, tendo en conta que o pasado ano esta publicación tivo lugar en xullo, realizándose as poxas o 4 de setembro.

"En Marea pide que o Goberno en funcións cumpra co propio mecanismo do que se dotou, tendo en conta que o pasado 12 de agosto xa se publicou a norma na que se aprobaban as regras do proceso competitivo das poxas e, a día de hoxe non temos en absoluto nin os detalles, nin as cantidades nin os prezos", advertiu Yolanda Díaz na súa intervención.

Neste sentido, sinalou que se está "pondo en xaque" a empresas como Alcoa, con sede en San Cibrao, no municipio lugués de Cervo, que "non poden formular propostas de futuro para o seu desenvolvemento".

Do mesmo xeito, Yolanda Díaz indicou que, dadas as repercusións da situación actual para a viabilidade e o emprego de moitas industrias, en particular as electrointensivas, como é o caso de Alcoa, o Goberno "debería tomar algunha medida para remediar esta situación". "¿Seica o PP nos quere dicir que Alcoa e as grandes empresas electrointensivas deste país teñen que pechar a porta? Porque se cadra esta é a proposta do Goberno en funcións", manifestou.

POSTURA DO PP. No debate para defender a postura contraria interveu a tamén deputada coruñesa Tristana Moraleja, portavoz adxunta de Industria, quen reivindicou o labor do Goberno para "reorganizar o sector eléctrico español" e recordou que "cando o PP chegou ao Goberno, Zapatero deixara en quebra o sistema, provocara unha subida da factura eléctrica de máis do 70% nos oito anos de goberno socialista e España tiña a electricidade máis cara de toda a Europa continental".

Así, defendeu que, "de non ser polas reformas efectuadas polo Goberno de Mariano Rajoy, o déficit de tarifa tería chegado en 2013 aos 10.000 millóns de euros". "Se tivésemos que soportar os consumidores esa débeda, a nosa factura teríase incrementado un 40%", salientou.

Moraleja concluíu que "a política eléctrica levada cabo polo PP favoreceu o consumidor, en especial as familias, as pemes, os autónomos e os grandes consumidores" e "puxo fin á escalada desorbitada de prezos".

INTERRUMPIBILIDADE. A interrumpibilidade é unha ferramenta pola cal os grandes consumidores de enerxía —os principais produtores industriais— reducen o seu consumo en momentos puntuais de alta demanda ou problemas na xeración. A cambio, perciben unha retribución económica.

A formación política sinalaou que estes ingresos constitúen "un compoñente moi importante da súa estrutura de prezos e polo tanto da súa competitividade e incluso a súa viabilidade" en mercados de produtos, como o aluminio primario, obxecto de contratos, en xeral, a medio ou longo prazo.

Comentarios