O brazo investidor de Sandra Ortega perdeu 91 millóns en 2020 pola pandemia

Os dividendos percibidos de Inditex reducíronse un 72%
Sandra Ortega. EP
photo_camera Sandra Ortega. EP

O grupo que dirixe as finanzas de Sandra Ortega, a primoxénita dos fundadores de Inditex Amancio Ortega e Rosalía Mera, pechou un 2020 para esquecer. Rosp Corunna, o brazo investidor da muller máis rica de España segundo Forbes, entrou en perdas no ano do estalido da pandemia cuns números vermellos de 91 millóns de euros que contrastan coas ganancias de máis de 117 millóns rexistradas en 2019. 

O principal desencadeante dese golpe foi a perda de ingresos en concepto de dividendos percibidos de Inditex, pois a sociedade patrimonial xestiona a participación do 5,05% de Sandra Ortega no xigante téxtil de Arteixo. Hai que ter en conta que 2020 non foi un bo ano bolsista para a multinacional da moda polo impacto da crise do covid. Se en 2019 ingresou 138,5 millóns en concepto de retribución polas súas accións en Inditex, o exercicio pasado foron 55,1 millóns. 

O valor das súas propiedades caeu en máis de 100 millóns

Rosp Corunna tamén xestiona o 5% que a empresaria posúe na biofarmacéutica de orixe galega Pharmamar, entre outras sociedades, e multitude de activos inmobiliarios, principalmente edificios de oficinas, hoteis e locais comerciais. A deterioración do negocio do ladrillo tamén pasou factura ao hólding de Ortega, pois o valor das propiedades reduciuse en case 108 millóns, ata os 468,7 millóns a prezos de mercado a finais de 2020. 

Así se desprende das contas depositadas no Rexistro Mercantil, nas que Rosp Corunna alude ás expectativas de que a recuperación da economía permita o regreso "á senda dos ingresos empresariais e a recuperación de valor dos investimentos", segundo recolle Economía Digital. 

A estes resultados hai que sumar o shock que supuxo o despedimento do home que dirixiu durante anos a sociedade, José Leyte, por perda de confianza de Ortega.

Comentarios