Bruxelas acusa a Gazprom de abuso de dominio no mercado europeo do gas

A CE expón que o consorcio ruso puido cobrar "prezos inxustos" en certos Estados membros

A Comisión Europea (CE) acusou este mércores de xeito oficial ao consorcio gasístico ruso Gazprom de suposto abuso da súa posición de dominio nos mercados de subministración de gas de Europa central e oriental.

Gazprom incumpre a lexislación comunitaria ao "buscar unha estratexia global para dividir os mercados de gas de Europa central e do leste", indicou a CE nun comunicado.

Segundo a súa investigación preliminar, o Executivo comunitario cre que Gazprom reduciu a capacidade dos seus clientes de revender o gas a outros países, o que podería permitir á empresa rusa cobrar "prezos inxustos en certos Estados membros".

Ademais, considera que Gazprom tamén podería abusar da súa posición dominante no mercado ao supeditar a subministración de gas á obtención de "compromisos non relacionados de almacenistas" sobre a infraestrutura de transporte do gas.

Agora Gazprom terá doce semanas para responder o prego de cargos enviado pola Comisión e, ademais, poderá solicitar a celebración dunha audiencia para presentar nela os seus argumentos.

A CE asegurou que "respectará plenamente o dereito de defensa de Gazprom e considerará os seus compromisos antes de tomar unha decisión", e recordou que este paso "non prexulga o resultado final da investigación".

"Todas as compañías que operan no mercado europeo, dá igual se son europeas ou non, teñen que actuar segundo as normas da UE", subliñou a comisaria europea de Competencia, Margrethe Vestager, nunha rolda de prensa na que detallou a decisión.

Vestager sinalou que o caso afecta a oito países comunitarios (Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, a República Checa, Eslovaquia, Hungría e Bulgaria), en cuxos mercados gasísticos Gazprom goza dunha posición dominante.

Sinalou que en cinco Estados membros (Estonia, Letonia, Lituania, Polonia e Bulgaria) Gazprom pide "prezos diferentes dado que neses contratos o prezo do gas está ligado ao do petróleo".

"Pódese facer, pero nos países en cuestión o xeito en que se usou a indexación do petróleo contribuíu a un prezo inxusto", salientou a comisaria.

A CE cre que Gazprom podería estar a condicionar a súa subministración a Bulgaria e Polonia ao investimento nun proxecto de gasoduto promovido pola propia empresa ou á aceptación de que reforzase o seu control sobre un gasoduto.

"Este caso non é político, pero recoñezo que podería haber unha especulación sobre iso", recoñeceu Vestager en alusión á crise ruso-ucraína.

Dixo que hai "casos similares" baixo a lupa da CE en materia enerxética, como a acusación formal que cursou o Executivo comunitario o 23 de marzo contra a empresa enerxética estatal de Bulgaria, BEH, e a algunhas das súas subsidiarias de abuso de posición dominante no mercado de gas natural búlgaro.

Previamente a CE fixo investigacións deste tipo igualmente a empresas cun "forte control estatal" en Francia e Italia, dixo.

"Non temos un problema coa compañía (Gazprom), senón cun comportamento", explicou Vestager.

A Comisión abriu un procedemento formal en agosto de 2012 a Gazprom, que é o abastecedor dominante de gas para todos os países de Europa central e oriental, con cotas de mercado por encima do 50 % na maioría deles e, nalgúns, do 100%.

A CE precisou que non hai un prazo legal para que complete as súas investigacións sobre unha conduta anticompetitiva.

Comentarios