Tres de cada dez contratos asinados en Galicia en 2019 duraron menos de 7 días

Nun ano no que o emprego eventual marcou máximos, asináronse 367.300 acordos que non chegaron a unha semana
Oficina de empleo. ADP
photo_camera Oficina de emprego

A precariedade ampliou a súa cota no mercado laboral galego en 2019, un ano no que se asinaron 995.777 contratos temporais, unha cifra marca que implica que o emprego con data de caducidade copou o 91,7% das fichaxes das empresas, por encima do nivel de 2018 (90,9%) e do peso que esta modalidade contractual tiña en 2007 (88,6%), nos primeiros compases da crise. O marcado carácter estacional do emprego no sector servizos –o sostén do 70% da ocupación en Galicia– determina en gran medida esta radiografía.

Nun exercicio no que a incerteza política e económica contribuíron a que a Seguridade Social gañase só 14.152 cotizantes con respecto a 2018, por cada emprego xerado foi necesario asinar 77 contratos (en 2007 eran 26), o que reflicte a intensa rotación. 

Os datos do Instituto Galego de Estatística indican que de xaneiro a decembro seláronse 367.297 acordos que duraron menos dunha semana, o que supuxo o 34% do total de pactos sen contar as conversións a indefinidos. Estes empregos de curta duración foron gañando presenza desde a aprobación en 2012 da reforma laboral, pois hai oito anos representaban unha cuarta parte.

Mentres esta modalidade contraeuse un 2% en comparación con 2018, os empregos dunha semana a un mes eleváronse lixeiramente, un 0,5%, ata os 114.394. O maior crecemento deuse nos postos dun a seis meses (+6,7%) e no grupo de contratos nos que a data na que o empresario deixará de contar co asalariado non está fixada de antemán, como os de obra ou servizo. Esta fórmula incrementouse un 2%, copando outro 30% das fichaxes.

A falta de que o 28 de xaneiro o Instituto Nacional de Estadística publique a enquisa de poboación activa referida ao cuarto trimestre de 2019, a radiografía de agosto a setembro indica que na comunidade tres de cada dez asalariados –un 27,4%– son eventuais, unha situación que afecta con máis intensidade ás mulleres (28,5%) que aos homes (26,4%) e que lastra irremediablemente os proxectos vitais dos traballadores, dificultando a emancipación dos mozos e condicionando en moitos casos a formación dunha familia. Aínda que esta cota poida parecer reducida, hai que pola en relación co resto de Europa. E no vello continente España é a que soporta o cociente de eventualidade máis elevada. En concreto, no segundo trimestre situouse no 26,4%, cando a media da UE é do 13,6% e a alemá, do 12.

Co fin de mitigar a precariedade, o pacto de Goberno de PSOE e Podemos contempla a derrogación parcial da reforma laboral, pór coto á modificación substancial das condicións de traballo por parte das empresas e reducir o peso da temporalidade. Na folla de ruta dos socios, que levou á patronal CEOE a expresar a súa preocupación, tamén figura combater a fraude laboral reforzando os controis e o sistema sancionador. No punto de mira están as empresas que abusen da contratación eventual xa sexa facendo que un mesmo traballador encadee acordos de curta duración ou botando man desta fórmula de forma recorrente para cubrir un posto en lugar de optar por facer fixo a un asalariado.

Hai unha vacante por cada 51 desempregados
Aínda que as opcións de atopar traballo melloraron coa recuperación, o impacto da desaceleración económica nos plans de contratación das empresas é evidente. Segundo o Ine, no terceiro trimestre de 2019 existían en Galicia 2.797 vacantes, unha cifra que reflicte un recorte interanual do 10%. Tamén se reduciu, aínda que en menor medida (-6%), o continxente de desempregados, ata os 143.500. Do cruzamento destas dúas cifras extráese  que tocan a 51 parados por cada oferta. 

Evolución
Aínda que a competencia crece –no segundo trimestre de 2019 a media era de 38 parados–, a situación dista moito dos 130 candidatos por posto de 2014. 

Comentarios