Catro comunidades baten o prezo do diésel galego co cambio fiscal

O inicio do ano elevou en nove autonomías o tramo do imposto de hidrocarburos, que en Galicia xa se aplicaba no seu tipo máximo

Repostaje en una gasolinera. AGN
photo_camera Un traballador dunha gasolineira atende un cliente. PEPE FERRÍN (AGN)

O inicio deste ano deu un envorco ao ranking dos prezos medios dos carburantes por comunidades, porque o arranque de 2019 trouxo consigo en nove delas unha subida automática da carga fiscal. Son as que ata ese momento non aplicaban o tipo máximo do tramo autonómico do imposto de hidrocarburos, onde se elevou ata o tope de 4,8 céntimos por litro que xa se pagaban en Galicia e outras seis comunidades. O resultado é, entre outras cousas, que as estacións de servizo galegas xa non venden o diésel máis caro da España peninsular, aínda que non o rebaixaron.

A equiparación do tramo autonómico do tributo derivou en que, tras finalizar 2018 como a segunda comunidade co prezo medio máis elevado para o gasóleo —só por detrás de Balears—, Galicia ocupa agora a sexta posición. E é que, atendendo aos datos enviados polas gasolineiras ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, catro autonomías que antes eran máis baratas superárona co impulso da alza fiscal: País Vasco, Cantabria, Madrid e Asturias.

As dúas primeiras están na lista das que ata este xaneiro non cobraban nada por ese concepto, como Navarra, A Rioxa e Castela e León, un territorio veciño co que se reduciu así a diferenza de prezos. Mentres, Madrid e Asturias xa aplicaban o tramo pero cun tipo inferior, como Aragón e Estremadura. Agora está igualado en toda España, de acordo cunha reforma que o Executivo de Rajoy introduciu nos orzamentos de 2018 coa previsión de que se aplicase en 2019, e coa que se fusionou o tramo autonómico na súa versión máxima e o estatal.

Aínda coa armonización, o prezo medio en Galicia do carburante máis consumido polo parque móbil segue superando o estatal, porque o primeiro estaba este luns en 1,206 euros por litro e o segundo en 1,177. Fiscalidade a parte, ambos reflicten que o mercado deixou atrás as rebaixas, cunha alza do diésel dun 1,2% nos últimos dez días. Tamén subiu a gasolina, preto dun 1%.
 

Prezo medio por litro
Comunidade Diésel Gasolina
Balears 1,238€ 1,278€
País Vasco 1,224€ 1,267€
Cantabria 1,215€ 1,255€
Madrid 1,213€ 1,251€
Asturias 1,211€ 1,267€
Galicia 1,206€ 1,242€
Castela e León 1,198€ 1,238€
A Rioxa 1,191€ 1,234€
Aragón 1,185€ 1,219€
Navarra 1,184€ 1,219€
Cataluña 1,182€ 1,227€
Castela-A Mancha 1,181€ 1,226€
Andalucía 1,180€ 1,228€
España 1,177€ 1,221€
Estremadura 1,171€ 1,213€
Comunitat Valenciana 1,168€ 1,219€
Murcia 1,163€ 1,207€
Canarias 0,968€ 1,013€

 

Comentarios