Chelo López: "Non entendía que un produto bo non xerase unha marxe para vivir"

Crece a aposta pola transformación e venda directa de leite nas granxas

Cada vez máis gandeiros galegos embárcanse en proxectos deste tipo en busca de mellores prezos para o seu produto
Vacas en un prado
photo_camera Vacas en un prado

Iogures ecolóxicos elaborados nunha granxa de Mesía á venda en grandes superficies de distribución; queixos fabricados nunha explotación de Pantón que o seu titular comercializa desde as propias instalacións e en tendas locais, ou xeados artesanais producidos por unha gandería de Miño que coa súa rede de establecementos está a conquistar padais. Son só algúns exemplos dos diferentes proxectos de transformación e venda directa de leite e os seus derivados que puxeron en marcha nos últimos anos produtores galegos movidos polo afán de valorizar a materia prima das súas granxas e eliminar intermediarios para obter maiores marxes coa súa actividade.

Con iniciativas máis ou menos modestas, os seus impulsores deron pasos adiante con moito esforzo e elevados investimentos de diñeiro nun camiño no que a industria láctea asentada en Galicia apenas avanza: o de apostar pola transformación do ouro branco do campo en derivados que lle acheguen un plus de face aos mercados e ao consumidor. Con ese pano de fondo, estes gandeiros decidiron desposuírse dos intermediarios —polo menos sobre unha parte da produción— e buscar eles mesmos puntos de venda e clientes para uns produtos que exhiben como elemento diferenciador a súa calidade.


Un elemento que xogou a favor é a tendencia crecente entre os consumidores a buscar produtos diferenciados


PREZOS E MERCADO. Hai un factor que explica en boa medida a aposta crecente por este tipo de proxectos na comunidade e é o baixo prezo que se pagou polo leite en orixe nos últimos anos, ata o punto de facer perigar a viabilidade dalgunhas explotacións. Non dispostos a resignarse, un número cada vez maior de gandeiros viron na transformación desde as súas granxas e a venda directa unha vía para facer máis rendible o negocio e paliar esa crise de prezos. Estes emprendedores do rural botaron a voar a súa imaxinación ou beberon doutras iniciativas similares xa en marcha para probar sorte sen ter certezas sobre a acollida que terían os seus iogures, queixos, xeados, nata ou simplemente leite pasteurizada e embotellada, pero existen moitos casos de éxito.

Un elemento que xogou a favor é a tendencia crecente entre os consumidores a buscar produtos diferenciados. A el apunta Javier Igrexas, do sindicato Unións Agrarias, convencido de que este nicho de demanda "está abrindo un oco de mercado" a pequenas producións que rompen co "estándar", e polas que hai xente disposta a pagar o que valen aínda que sexan un pouco máis caras.

FUTURO. Tras a liberalización da produción láctea na Unión Europea a partir de abril de 2015, diferentes expertos e axentes do sector apuntan á necesidade de que os gandeiros asuman un papel máis activo na transformación industrial do seu leite para asegurarse que nun futuro poderán colocala no mercado. E máis se a industria radicada en Galicia non move ficha e activa investimentos para elaborar derivados que xeren máis valor que un brik. "Se non marco do sistema de cotas eramos imprescindibles para abastecer ou mercado español de leite fresco e envasado, isto deixou de ser así coa liberalización", advirte Edelmiro López Iglesias, profesor de Economía Aplicada da USC.

Os grandes referentes na transformación de leite desde a parte produtora en Europa son Dinamarca e Holanda, cunha vantaxe clara: a fortaleza do seu tecido cooperativo, que industrializa máis do 90% da materia prima xerada no país. Ese cociente limítase ao 7% en Galicia, onde moitos proxectos xorden da intrepidez dunha soa explotación.

Comentarios