De Guindos asegura que a recuperación da economía, esta vez, ''non é en falso''

O ministro de Economía, Luis de Guindos, defendeu hoxe unha recuperación da economía española que esta vez "non é en falso", apóiase nun modelo produtivo "radicalmente distinto" ao anterior, e producirá este ano crecemento e emprego neto "por primeira vez en moito tempo".

Na inauguración do Foro Global España 2014, De Guindos afirmou que esta realidade permite dar "esperanza" e "confianza" para o futuro, aínda que advertiu de que esta recuperación "tenue e suave" non deixou o Goberno aínda ''satisfeito".

Por iso, deixou claro que as reformas seguen sendo "imprescindibles", así como seguir un camiño baseado no necesario saneamento das finanzas públicas. A diferenza do que ocorreu en 2011, defendeu o ministro, agora a recuperación económica "non é en falso".

Así, ao seu xuízo, as medidas postas en marcha polo Goberno propiciaron un "cambio estrutural profundo" na economía española, grazas ao que hoxe se conta cun modelo produtivo "máis eficiente, flexible e áxil".

"O patrón de crecemento da economía é hoxe sostible, e xa que logo radicalmente distinto ao anterior, xa que non crea nin pasivos nin desequilibrios", dixo o ministro, que tamén recordou que as empresas fixeron "unha aposta decidida" pola exportación.

Unha vez conseguida a estabilización económica, concluíu De Guindos, o "gran reto" é que os seus efectos se noten en todos os cidadáns.

Comentarios