Imputan a 7 directivos de HSBC por branqueo

Un dos investigados é o presidente da entidade, que colaborarían na saída de fondos de clientes desde Suíza a España
bancoHSBC_dentro.jpg
photo_camera bancoHSBC_dentro.jpg

O xuíz da Audiencia Nacional José de la Mata decidiu imputar a sete directivos da cúpula do banco suízo HSBC entre os anos 2006 e 2007 polos presuntos delitos de branqueo de capitais e organización criminal, no marco da investigación pola coñecida como 'lista Falciani'.

O maxistrado considera que HSBC, xunto co Banco Santander e BNP Paribas, colaborarían na saída de fondos de clientes desde Suíza a España entre 2005 e 2008 coa intención de ocultalos do erario público español por persoas investigadas na presente causa por delitos contra a Facenda Pública.

Esta repatriación, segundo o auto do xuíz De la Mata, "podería aparentemente terse ocultado en España aos organismos supervisores das transaccións de exteriores e á propia Facenda Pública".

O auto do titular do Xulgado Central de Instrución número 5 enviará agora aos investigados, entre eles dous españois, a través dunha comisión rogatoria a Suíza, xa que considera que procede ouvirlles para esclarecer os feitos que se investigan.

As persoas imputadas son Peter Widmer, presidente do Consello de Administración; Christopher Meares, conselleiro delegado no ano 2007; Clive Bannister, conselleiro delegado en 2006; Beatriz Sánchez, membro do Comité de Mercados, pertencente ao Grupo Diram; Pierr-Alain Sigg, membro da Dirección Xeral pertencente ao Grupo Aedir; María Sánchez, adscrita ao Grupo Iberia; e Didier Péclard, responsable do Servizo Xurídico e Compliance.

'CONTA NOSTRO'. De la Mata detalla no seu auto a operativa que o HSBC mantiña co Santander e con BNP para facer chegar a España os fondos de clientes da entidade suíza a través da chamada 'conta nostro' que esta tiña nos dous bancos españois, con transferencias onde non figuraban nin o ordenante nin o beneficiario.

Pero os datos achegados por Hervé Falciani permitiron identificar aos ordenantes das transferencias, entre eles Daniel Alain Prejger e a súa esposa Cristina, Martín Cal Frau, Antonio Seijo Navarro e León Stoffberg. Tamén se constata a existencia doutras persoas que ordenaron o traspaso de fondos, pero non foron denunciadas neste proceso.

Comentarios