A luz baixará un 0,7% en xaneiro e o gas un 3%

O importe do recibo eléctrico reducirase unha media do 2,8% respecto ao mesmo mes de 2015

As facturas da luz e o gas baixarán unha media do 0,7% e o 3%, respectivamente, a partir do mes de xaneiro, segundo os cálculos realizados polo Goberno en virtude das ordes de peaxes de acceso para estes sectores, autorizadas este mércores pola Comisión Delegada para Asuntos Económicos.

Segundo informou este mércores o Ministerio de la Presidencia nun comunicado, o gas baixará ao redor dun 3% logo de conxelarse a parte regulada, grazas ao abaratamento do compoñente enerxético nos mercados internacionais.

A redución da parte regulada da factura eléctrica avalada este mércores polo Goberno permitirá reducir o importe do recibo unha media de 2,8% respecto de xaneiro de 2015 e un 0,7% respecto deste mes —xa que houbo unha rebaixa intermedia no verán—.

No comunicado, o Goberno explica que, no caso da electricidade, os pagos por capacidade —cos que se retribúe a algunhas tecnoloxías por estar dispoñibles— baixan un 21% a partir de xaneiro.

Esta partida xa se reduciu este verán, o que permitiu reducir entón o recibo unha media do 2,2%, co que os pagos por capacidade acumularán unha minoración do 53% respecto de principios de 2015.

A lei do Sector Eléctrico impide que se reduzan as peaxes e cargos mentres exista débeda pendente —aínda hai máis de 22.000 millóns de euros por pagar derivados dos anos de déficit tarifario—, aínda que non se refire especificamente ás peaxes de acceso, que precisamente son os que se revisan en ambas as dúas ordes.

A orde avalada este mércores prevé tamén un fondo para eventuais continxencias que puidesen afectar á factura da luz, por exemplo unha subida do prezo do cru.

O borrador de orde de peaxes da electricidade elaborado polo Ministerio de Industria prevía unha baixada da parte regulada da factura da luz que permitiría abaratar o recibo ao redor dun 1,5% a partir de xaneiro.

O Goberno subliñou que a rebaixa anunciada este mércores se produce despois de lograr un equilibrio entre os ingresos e os custos do sistema eléctrico, que permitiron pechar o exercicio 2014 con superávit por primeira vez en trece anos.

No caso do gas, o Goberno optou por conxelar a parte regulada do recibo —tal e como estaba previsto no borrador—, aínda que a factura final beneficiarase da baixada do gas nos mercados internacionais nos últimos meses.

De feito, esta baixada do cru e o gas xa abaratou a factura gasista ao redor dun 11,7% desde decembro de 2014 no caso dos consumidores domésticos.

O Goberno insistiu en que esta conxelación da parte regulada da factura, por segundo ano consecutivo, é compatible coa garantía da sustentabilidade financeira do sistema.

O Goberno prevé que este ano o sistema gasista termine con equilibrio entre ingresos e custos e que, a partir de 2016, rexistre superávit.

Comentarios