O Goberno regula a cotización dos bolseiros e espera ingresar 138 millóns

O Goberno aprobou este xoves un real decreto que regula a cotización dos actuais bolseiros e dos que exerceron esta actividade no pasado, posta ao día que permitirá á Seguridade Social ingresar uns 138 millóns de euros ao ano segundo o ministro de Traballo, Valeriano Gómez.

Con esta norma os bolseiros deixarán de ser "precarios" segundo o portavoz do Goberno e ministro de Fomento, José Blanco; mentres que para Gómez evitará o actual "abuso" que se fai destas persoas como substitutos doutros traballadores.

O real decreto permite, por primeira vez, a posibilidade de cotizar á Seguridade Social sen ter unha relación laboral, destacou Gómez.

Bastará con que os mozos -que son os destinatarios principais das bolsas, segundo Gómez- teñan algún tipo de remuneración para ter unha relación de cotización coa Seguridade Social.

Así, as bolsas remuneradas vinculadas a estudos universitarios ou de formación profesional de empresas, fundacións ou administracións públicas teranse en conta a partir do 1 de novembro para o cálculo da pensión.

Para os que teñan unha bolsa antes da entrada en vigor do real decreto a norma establece a posibilidade de que, de forma voluntaria, poidan asinar un convenio especial coa Seguridade Social e cotizar para que eses períodos sexan tidos en conta ou "rescatados", en palabras de Valeriano Gómez.

De acordo coas cifras achegadas polo ministro, o que as empresas coticen polos bolseiros vai beneficiar a partir do un de novembro a 30.000 persoas.

Deberán cotizar por cada un deles uns 42 euros, mentres que a cargo do bolseiro irán 6 euros.

Con esta fórmula a Seguridade Social ingresará ao ano uns 18 millóns de euros.

No caso das persoas que queiran rescatar as súas bolsas, Valeriano Gómez indicou que os beneficiarios serán como mínimo uns 100.000, pero que poden chegar a 200.000.

O ministro tamén contemplou aos bolseiros actuais que queiran cotizar polos meses que exercerían esa actividade antes do 1 de novembro, así como aos englobados a partir de 2003 no estatuto do bolseiro de investigación.

O custo para todas elas de asinar ese convenio especial coa Seguridade Social suporalles uns 150 euros por cada mes que queiran que se rescate" para o cómputo das pensións, detallou Gómez.

Isto suporá uns ingresos duns 120 millóns de euros ao ano para a Seguridade Social.

O prazo para solicitar o rescate das bolsas non cotizadas finaliza o 31 de decembro de 2012.

Un día despois entra en vigor a reforma da Seguridade Social aprobada o 21 de xullo deste ano, que eleva, progresivamente (ata 2027), a idade de xubilación de 65 a 67 anos e aumenta de 15 a 25 anos o período de cálculo da pensión.

A reforma das pensións, que inclúe esta nova regulación dos bolseiros na súa disposición adicional terceira, foi pactada cos sindicatos CC OO e UXT e as patronais CEOE e CEPYME.

Comentarios