O Xulgado do Mercantil declara o concurso necesario de Barreras

O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, declarou o concurso necesario a instancia de parte, tras ser solicitado por unha empresa de limpeza, do estaleiro Hijos de J. Barreras, informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A empresa Clequali, con sede en Madrid, presentou ante o citado xulgado a mediados de xullo unha demanda solicitando que se declarase o concurso de acredores necesario contra o estaleiro, en base ás débedas contraídas coa compañía. Un día despois, Barreras presentou no xulgado un concurso voluntario de acredores.

Segundo o TSXG, estas dúas causas "acumuláronse" e o xuíz declarou o concurso necesario a instancia de parte.

Así mesmo, o Alto Tribunal galego explica nunha nota que se nomearon tres administradores concursais: un letrado, un economista e un acredor.

Co obxectivo de axilizar os trámites, o xulgado habilitou o mes de agosto para que os administradores propostos acepten o cargo.

A partir do momento en que os administradores acepten terán un prazo de dous meses para presentar o seu informe.

Os acredores disporán dun mes de prazo desde a publicación do concurso no BOE para presentar no xulgado ou ante a administración concursal os seus créditos.

A empresa viguesa, con 146 traballadores e unha débeda estimada de 62 millóns de euros, confirmou a mediados de xullo ao comité de empresa a súa intención de acollerse ao concurso voluntario de acredores.

Comentarios