O PSdeG pide a Medio Rural unha resposta ''inminente e firme'' para o conflito lácteo

O secretario de organización do PSdeG, Pablo García, pediu ao conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, que actúe "de xeito inminente e firme" ante o conflito lácteo, tras o anuncio feito público este venres pola multinacional francesa Lactalis de que non recollerá leite cru en Galicia en resposta ao boicot de sindicatos e gandeiros ante a súa planta de Vilalba.

En opinión de García, é "inadmisible" que tras tres días de protestas do sector, o conselleiro "non faga nin a primeira das xestións" para buscar unha solución a este conflito. "Parece non decatarse de que se trata dun problema de país, porque o lácteo é un dos sectores estratéxicos de Galicia, e é deber dun Goberno responsable buscar o final a esta situación", aseverou o socialista.

Nesta liña, Pablo García asegurou que non entende como Lactalis "é capaz de chegar a acordos con gandeiros franceses e aquí en Galicia non só non chega a pactos cos gandeiros senón que os extorsiona". Por iso, acusou ao Executivo de Núñez Feijóo en xeral, e á consellería que dirixe Samuel Juárez en particular, de deixar "completamente sos aos gandeiros" na batalla por uns prezos dignos para o leite producido en Galicia.

Comentarios