O Supremo ratifica que os 30 despedimentos de Ingemarga son improcedentes

O Tribunal Supremo ratificou a improcedencia dos despedimentos de 2 delegados sindicais e 28 traballadores máis da empresa Ingemarga, que se dedica ao serrado e corte de pedra, mármore e granito na localidade lucense de Guitiriz, segundo informaron os sindicatos UGT e CIG. A decisión do Supremo vén ratificar unha sentenza anterior do Tribunal Superior de Xusticia de Galicia, tras os despedimentos nesta empresa, cando os delegados sindicais e traballadores afectados reclamaron o cumprimento do convenio laboral para adaptar a súa xornada de luns a venres.

Trátase dun conflito laboral e un proceso xudicial que se remonta a febreiro do ano pasado, cando a empresa materializou os despedimentos, ao negarse os traballadores da sección de serra a realizar unha xornada de luns a domingo. CIG e UGT celebraron, nun comunicado, o pronunciamiento do Supremo, que, sosteñen, "pecha un longo conflito, que durante todo o ano 2008 deu lugar a mobilizacións intensas e converteuse nun referente do sindicalismo de Galicia pola ampla repercusión que tivera o problema".

Tamén expresan o desexo de que a sentenza sirva para que desde a empresa "se asuma dunha vez por todas a legalidade e se tome conciencia do respecto polo convenio de aplicación e o cumprimento das condicións laborais dos traballadores desta empresa". De todos os xeitos, a conflitividade en Ingemarga volverá de novo aos xulgados, ao negarse a empresa, segundo os sindicatos, a recoñecer o goce íntegro das vacacións a cinco dos traballadores que foran indebidamente despedimentos e logo readmitidos.

Comentarios