As entregas a conta ás autonomías chegarán fraccionadas en novembro e decembro

O Goberno aposta por abordar "con moita brevidade" a revisión do modelo de financiamento autonómico e constata que "a torta ten que ser máis grande"
María Jesús Montero. JUAN CARLOS HIDALGO (EFE)
photo_camera A ministra de Facenda María Jesús Montero. JUAN CARLOS HIDALGO (EFE)

A ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, asegurou este mércores que o importe correspondente á actualización das entregas a conta ás comunidades, reclamadas por estas desde hai meses, chegará ás autonomías de forma fraccionada en novembro e decembro. Despois de que o Goberno autorizase a semana pasada o traspaso, a titular de Facenda apunta agora os prazos, unha vez que —segundo asegura— os pagos teñen que chegar por partes de forma obrigatoria nos próximos dous meses, salvo que algunha comunidade teña algún problema que faga necesario o abono nunha soa vez.

Nun almorzo informativo en Valencia, Montero asegurou que a primeira parte das entregas a conta farase canto antes, durante os primeiros días de novembro, o mes das eleccións. Con ese horizonte, a ministra dixo esperar que se as transferencias se efectúan antes do 10 de novembro non sexan tachadas de "electoralistas".

En total, as previsións apuntan a que Galicia recibirá en total 334,02 millóns deste mecanismo polo cal as comunidades obteñen de forma anticipada parte dos fondos do sistema de financiamento en base á proxección que o Goberno fai nos orzamentos xerais da recadación anual, que logo se revisa en base á evolución real dos ingresos. A maiores, a Xunta segue reclamando 200 millóns do Iva de decembro de 2017 e outros 170 por cumprir as regras de estabilidade conforme aos PGE de 2018.

Tras meses de conflito, Montero afirmou este mércores que se traballou para que se comprendese o espírito da lei de financiamento das comunidades, xa que supeditar as entregas a conta aos Orzamentos do Estado supón "unha xerarquía vinculante" que non corresponde.

A ministra manifestou tamén que quere consenso no novo modelo de financiamento autonómico e que gran parte das comunidades se sinta "cómoda" na reforma que saia dun "diálogo franco" entre o Goberno e as autonomías. A partir de aí, dixo non saber canto tempo se tardará en definir o modelo cando se constitúa o novo goberno ao tratarse dun "debate que non depende só" do Executivo central, pero que se abordará "na maior brevidade posible".

¿Como se baralla o novo modelo?
María Jesús Montero asegurou que a poboación é o criterio sobre o que ten que pivotar a repartición de fondos do financiamento autonómico, por entender que o modelo actual puxo de manifesto que non se xustifica nin na insularidade, a dispersión ou o envellecemento que haxa unha diferenza de 800 euros de financiamento per cápita entre a comunidade mellor e peor pagada. Pode haber outras variables como a poboación universitaria que agora non se contemplan, ou a taxa de desemprego sobre o consumo de servizos sociais.

A ministra asegurou que ningunha comunidade pode perder co novo modelo de financiamento, polo que "a torta ten que ser máis grande" e a participación das comunidades na repartición do IRPF, o Iva e impostos especiais ten que ser "superior", manifestou.

Comentarios