miércoles. 02.12.2020 |
El tiempo
miércoles. 02.12.2020
El tiempo

O Estado terá o 16% do novo CaixaBank, valorado nuns 2.700 millóns

O presidente de Bankia, José Ignacio Goirigolzarri, e o conselleiro delegado de CaixaBank, Gonzalo Gortázar. EP
O presidente de Bankia, José Ignacio Goirigolzarri, e o conselleiro delegado de CaixaBank, Gonzalo Gortázar. EP
A nova entidade resultante terá unha carteira de 20 millóns de clientes e uns aforros de 770 millóns

A participación de Estado no novo CaixaBank, unha vez integrado Bankia no seu accionariado, será do 16%, o que a día de hoxe vale arredor de 2.700 millóns de euros, segundo o prezo ao que se están cotizando as accións de ambas as entidades.

Segundo os cálculos de Efe, o acordo de fusión para crear a nova CaixaBank valora Bankia, a entidade absorbida e na que o FROB controla o 61,8 % do capital, en 4.300 millóns a día de hoxe, un 35% máis que o 3 de setembro, antes de que se coñecesen as intencións de fusionarse de ambos os bancos.

Os consellos de administración de ambas as entidades aprobaron este xoves a fusión por absorción de Bankia por parte de CaixaBank, cunha ecuación de troco de 0,6845 accións ordinarias novas de CaixaBank por cada título de Bankia.

O prezo pactado inclúe unha prima do 20 % sobre a ecuación de troco, ou cotización de ambos os bancos, a peche do 3 de setembro, xusto antes de que se coñecesen as conversacións entre as dúas entidades e cando Bankia valía en Bolsa 3.178 millóns de euros.

20 MILLÓNS DE CLIENTES. A nova entidade resultante da fusión entre Caixabank e Bankia será "o banco de referencia" en España con máis de 20 millóns de clientes, unha cota en créditos e depósitos do 25% e 24%, respectivamente, e unha presenza xeográfica "diversificada e equilibrada", segundo resaltaron ambas as entidades. 

O novo grupo, que manterá a marca CaixaBank, superará os 664.000 millóns en activos totais, un volume que o converterá no banco de maior tamaño do mercado doméstico, cunha "posición relevante a nivel europeo", e unha capitalización bolsista superior aos 16.000 millóns de euros. 

770 MILLÓNS DE AFORROS. O grupo resultante da fusión de Caixabank e Bankia prevé conseguir uns aforros recorrentes de custos de 770 millóns de euros anuais, de forma plena a partir de 2023, e xerar progresivamente sinerxías de ingresos de 290 millóns de euros anuais nun horizonte de cinco anos, segundo sinalaron ambas as entidades. 

En concreto, os consellos de administración de ambas aprobaron o seu proxecto de fusión por absorción de Bankia por CaixaBank, cunha ecuación de troco de 0,6845 accións ordinarias novas de CaixaBank por cada acción de Bankia. 

"Para casar en tempos difíciles é importante elixir á parella correcta"
CaixaBank está convencido de que Bankia é o mellor compañeiro que puidese elixir para acometer un proceso de consolidación no actual contexto económico, logo de analizar profundamente todos os números durante a fase de due diligence, que derivou no visto e prace á operación por parte dos respectivos consellos de administración. 

"Para casar en tempos difíciles é importante elixir á parella correcta e nós estamos convencidos de ter a un bo compañeiro", indicou o actual conselleiro delegado de CaixaBank, Gonzalo Gortázar, a respostas dos analistas. 

O Estado terá o 16% do novo CaixaBank, valorado nuns 2.700 millóns
comentarios