Estrela Galicia crea en México unha filial para a importación

Na presentación en México D.F., Ignacio Rivera recordou que as raíces do grupo coruñés beben da emigración do seu bisavó a Veracruz
Presentación de la filial de Estrella Galicia en México. EP
photo_camera Presentación de la filial de Estrella Galicia en México. EP

A Corporación Hijos de Rivera presentou o pasado venres o seu filial Cervezas Estrella Galicia México cun acto celebrado en México D.F.. A compañía coruñesa dótase así dunha importadora e distribuidora propia no país co obxectivo de que sirva de "panca" para o desenvolvemento do seu negocio nunha zona que presenta "un enorme potencial de crecemento" para as súas marcas Estrella Galicia, 1906, para as augas minerais Cabreiroá e as sidras Maeloc.

Uns 250 representantes do mundo empresarial, social e artístico mexicano acudiron á presentación, celebrada no hotel Four Seasons da capital. O anfitrión foi o conselleiro delegado da corporación, Ignacio Rivera, que evocou os inicios do grupo da man do seu bisavó, José María Rivera Corral, que creou a firma en 1906 tras emigrar a Veracruz, onde chegou a rexentar o negocio de cervexa, La Estrella de oro. "É unha honra referendar este vínculo especial que nos une a México desde o inicio da nosa historia e compartir a nosa tradición e cultura cervexeira cun país tan rico e vibrante como este. Non vimos, volvemos!", proclamou o industrial.

A firma galega leva décadas exportando ao país, onde os seus produtos poden atoparse en lineais e en restaurantes do país e doutras zonas de Centroamérica, onde busca crecer.

Na ‘posta de longo' da filial serviuse un menú deseñado para maridar as culturas galega e mexicana a cargo do chef con Estrela Michelin Fernando 'Caco' Agraser, do restaurante As Garzas, en Malpica. 

Comentarios