Hijos de Rivera contratará 30 traballadores con discapacidade en cinco anos

Asina un acordo coa Fundación Once polo que tamén adquirirá bens e contratará servizos a centros especiais de emprego

Rivera y Durán, con integrantes de la Once tras la firma del convenio. EP
photo_camera Rivera e Durán, con integrantes da Once tras a firma do convenio. EP

Hijos de Rivera e a Fundación Once selaron este venres un convenio polo cal a compañía galega contratará 30 persoas con discapacidade durante os próximos cinco anos. Para cubrir eses postos de traballo, a firma propietaria de Estrella Galicia apoiarase en Inserta Empleo, a entidade laboral e de formación da Once, que fará a preselección dos candidatos que se axusten mellor aos perfís buscados. 

A implicación da empresa con sede na Coruña co colectivo irá máis aló, pois tamén favorecerá a inserción indirecta de persoas con discapacidade mediante a adquisición de bens e a contratación de servizos a centros especiais de emprego. 

Na rúbrica do acordo, o conselleiro delegado de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, manifestou a "vontade clara" da firma por avanzar na inclusión destes traballadores e abrirlles as súas portas. "Estamos seguros de que a súa inserción no mercado laboral será unha grande achega de valor para todos nós", sinalou, convencido de que esta colaboración permitirá ao grupo "aprender como organización e contribuír á visibilización de todo o potencial laboral co que conta este colectivo". 

Por parte da Fundación Once, o vicepresidente executivo, Alberto Durán, salientou que con este convenio Hijos de Rivera "servirá de exemplo e guía para que outras compañías se sumen a iniciativas coma esta". Neste punto, eloxiou o bo facer da empresa non só na elaboración de cervexa, "senón tamén cumprindo os seus compromisos sociais". A alianza enmárcase nos programas de inclusión social e emprego xuvenil que desenvolve a Once coa axuda de fondos europeos. 

As persoas que contrate esta empresa familiar con 113 anos de traxectoria pasarán a formar parte do persoal dun grupo presente en 50 países que tamén produce auga, viños ou sidra. En pleno crecemento, a súa facturación pulverizou o ano pasado os 500 millóns de euros e segue avanzando nos seus plans de expansión.

Comentarios