A formación mariña máis completa é galega

O Centro de Investigacións Mariñas ofrece desde hai tres décadas bolsas que permiten ao persoal auxiliar de investigación mariña coñecer as rutinas dun laboratorio á beira de profesionais cunha "dilatada experiencia"

Centro de Investigacións Mariñas, en Vilanova de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Centro de Investigacións Mariñas, en Vilanova de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A investigación científica e a formación en ciencias é de vital importancia para o desenvolvemento económico de Galicia. Así o defende a Consellería do Mar, que para impulsar ese crecemento convoca cada dous anos bolsas para técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA). A idea é que poidan completar a súa formación como persoal auxiliar en investigación mariña, o que permite aos beneficiarios participar en experiencias "e programas específicos de investigación facilitándolles unha preparación práctica cualificada, de probada utilidade para a súa inserción posterior na vida empresarial". 

A última convocatoria deste tipo é deste mesmo ano, no que oito técnicos de ciclos formativos de grao superior iniciaron os dous anos de formación como persoal auxiliar de investigación mariña. As áreas nas que poderán complementar as súas aptitudes son acuicultura, patoloxía de moluscos, procesos oceanográficos costeiros e recursos mariños. "Dentro das estratexias e obxectivos do centro está fomentar a investigación con actividades de persoal técnico superior, que dá soporte ás tarefas rutineiras do laboratorio", explica o director da CIMA, Carlos Gabín, que remarca que as destrezas que adquiren estes investigadores durante eses dous anos de formación en distintos ámbitos son "as máis completas" e complementan "a formación regulada". 

"Saen cunha bagaxe abundante para incorporarse ao mercado laboral", remarca o responsable do centro dependente da Consellería do Mar, que incide en que esta oferta formativa "vén de hai tempo" e que a idea do Executivo galego é mantela no futuro. 

As bolsas de formación da CIMA convócanse desde finais da década dos 80 e o habitual é que sexan oito prazas cada dous anos, polo que nestas tres décadas pasaron polas instalacións do centro —que conta cunha sede en Vilanova de Arousa (Pontevedra) e outra en Ribadeo (Lugo)— preto dun centenar de profesionais. Durante a súa estancia formativa, destaca Gabín, conviven con investigadores "cunha dilatada experiencia" e de gran "prestixio" que lles axudan a adquirir coñecementos. 

A aposta do centro por este tipo de accións formativas é tal que xa prepara para o próximo ano unha convocatoria de contratos predoctorales para titulados superiores, unha nova liña de actuación do organismo investigador. "Esperamos convocar tres prazas en 2019 cun período de formación duns catro anos de face á tese doutoral dos beneficiarios", detalla o director da CIMA. 

As oito bolsas convocadas este ano contan cun importe bruto mensual de 800 euros e a Consellería do Mar destina un orzamento total de 63.200 euros para os próximos exercicios. Desa cantidade, 25.600 euros corresponden a este ano, 76.800 euros a 2019 e 51.200 euros ao seguinte exercicio. 

Ao traballo rutineiro dos bolseiros, subliña Gabín, súmase a achega dos "fantásticos profesionais" da CIMA, o que contribúe a que a formación que obteñen os investigadores durante eses dous anos sexa "en grao sumo completa" de face a dar o salto ao mercado laboral.

Catro áreas de traballo estruturan a CIMA
O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) estrutúrase en catro áreas: procesos oceanográficos costeiros, recursos mariños, acuicultura e patoloxía. 

Coñecer os aspectos da oceanografía relacionados coa produción dos recursos pesqueiros e marisqueiros de Galicia é a obxectivo da área de procesos oceanográficos costeiros. As liñas de investigación relaciónanse principalmente cos episodios de toxicidade orixinados polo fitoplancto. 

A obxectivo da área de recursos mariños é coñecer a bioloxía, ecoloxía e dinámica de poblacio nes das especies mariñas con interese comercial para mellorar a xestión dos recursos naturais. 

Desenvolver e mellorar os procedementos de cultivo das especies mariñas consideradas de interese comercial é a obxectivo da área de acuicultura. O ámbito de investigación nesta área, agrúpase en dúas grandes liñas: cultivo de moluscos e cultivo de peixes. 

Finalmente, na área de patoloxía o obxectivo é estudar as alteracións patolóxicas que afectan os moluscos bivalvos con interese comercial, para establecer estratexias eficaces de loita que permitan minimizar os efectos patogénicos. 

A CIMA conta cun fondo bibliográfico composto por máis de 1500 volumes e preto de 160 publicacións periódicas. O acceso é público pero de carácter restrinxido, é dicir, presta servizo a usuarios internos e a usuarios externos autorizados. 

Na actualidade, conta con acceso á Web of Knowledge (WoK), da empresa Thomson Scientific, co fin de dar acceso a estes recursos de información científica ás institucións públicas de investigación.

Comentarios