Gadis ofrece bolsas compostables en todas as súas seccións de fresco

Elaboradas a partir da fécula da pataca, desaparecen en menos de 180 días sen efectos contaminantes para o medio ambiente
Bolsa compostable de Gadis. EP
photo_camera Bolsa compostable de Gadis. EP

Supermercados Gadis deu un paso adiante na súa política ambiental ao pór a disposición dos seus clientes bolsas 100% biodegradables, compostables, reciclables e reutilizables en todas as seccións de produto fresco, a fin de limitar a utilización de materiais dun único uso nos seus puntos de venda en Galicia e Castela e León. Estas bolsas, elaboradas a partir da fécula da pataca, desaparecen en menos de 180 días sen efectos contaminantes para o medio ambiente.  O seu modelo de produción baséase na economía circular, xa  que a súa capacidade para a compostaxe permite a súa conversión en abono para a agricultura biolóxica. 

Para reciclaxe, deben ser depositadas nos colectores destinados ao material orgánico. "Esta nova medida leva a cabo logo da gran aceptación que tiveron as bolsas de papel reciclado gratuítas e as de malla reutilizables de múltiples usos para adquirir nas seccións de froitas e verduras, que se xeneralizaron durante o 2019", explica a compañía nun comunicado, no que recalca que a sustentabilidade é "unha das claves da filosofía empresarial de Gadisa".

As cifras de 2019 constatan que  reciclou 7.710 toneladas de cartón, 803 de plástico e 212 de madeira. Os movementos de caixas de plástico, que evitan o uso doutros recipientes, ascenderon a 5,58 millóns.

No marco desta política ambiental tamén se recolle o impulso ás compras de provedores de km 0, que permiten unha optimización das rutas de carga e transporte reducindo as emisións de CO2 á atmosfera. Así mesmo, están a implantarse medidas de eficiencia enerxética tanto nos puntos de venda como nas plataformas loxísticas e na sede central, dotando aos novos establecementos de equipos de frío, climatización e iluminación de última xeración.    

Comentarios