Gadisa alcanza os 1.185 millóns en volume de negocio en 2018, un 4% máis

A empresa consolida o seu liderado en Galicia e é a que maior número de persoas emprega no seu sector na comunidade

Sede central de Gadisa. EP
photo_camera Sede central de Gadisa. EP

A empresa de distribución Gadisa alcanzou os 1.185 millóns de euros de volume de negocio en 2018, un 4% máis que o ano anterior, e ampliou o seu persoal a 7.437 profesionais, ao crear 225 novos postos de traballo directos. A compañía, de capital 100% galego, informa nun comunicado do balance relativo a 2018, no que figura un aumento da superficie dos seus establecementos propios e franquiciados en 8.743 metros cadrados co seu plan de expansión en Galicia e en Castela e León.

Cunha cota de mercado superior ao 20%, segundo un estudo da compañía especializada en medición e análise de datos A. C. Nielsen, Gadisa consolida o seu liderado en Galicia e é a que maior número de persoas emprega no seu sector na comunidade.

Ao peche de 2018 contaba con 415 puntos de venda, sumando os propios -Gadis, Gadis Hiper e Cash Ifa- e os franquiciados -Claudio e Claudio Express- e un total de 377.824 metros cadrados de superficie total dos seus establecementos comerciais.

A súa contribución á sustentabilidade do gasto público elevouse un 7%, ata os 120,53 millóns de euros, dos que 79 millóns corresponden a impostos e tributos e 41,53 a cotizacións sociais achegadas pola empresa. Ademais, os fondos propios creceron ata os 373,21 millóns.

No apartado de investimentos, Gadisa destinou case 15 millóns a dar continuidade ao seu plan de aperturas e modernización dos seus puntos de venda, dotados con tecnoloxías de innovación. Neles priman a redución do consumo enerxético para minimizar o impacto ambiental e evitar a emisión de gases á atmosfera, mediante a instalación de equipos de frío, climatización e iluminación de última xeración.

Este grupo de distribución galego opera desde dous centros de servizo loxístico en Betanzos e Medina del Campo e dispón dunha flota que supera os 200 vehículos.

No apartado da Responsabilidade Social Corporativa, desenvolveu en 2018 un total de 2.130 accións sobre sustentabilidade ambiental; creación de riqueza en condicións sociais dignas; transparencia na xestión; apoio a ONG's e colectivos de persoas con capacidades diversas; o impulso de iniciativas que repercuten positivamente no benestar da sociedade, e o fomento de hábitos de consumo responsable e vida saudable. Ademais, reciclou 8.313 toneladas entre cartón, madeira e plástico e elevou o volume de movementos de caixas de plástico reutilizables aos 5.478.000, 400.000 máis en comparación co ano anterior.

Comentarios