Gadisa facturou 1.100 millóns en 2016, un 6% máis, e xerou 227 empregos

O persoal da empresa galega de distribución sumaba 6.891 empregados o 31 de decembro
Sede central de Gadisa en Betanzos
photo_camera Sede central de Gadisa en Betanzos

A empresa galega de distribución Gadisa facturou 1.100 millóns de euros en 2016, un 6% máis que o ano anterior, e xerou 227 postos de traballo directos, polo que o seu persoal sumou 6.891 empregados a data 31 de decembro.

Gadisa informa este venres nun comunicado destas cifras, entre as que destaca os 16,9 millóns de euros que investiu o exercicio pasado, un 40% máis, principalmente no plan anual de aperturas e a modernización de supermercados, ata alcanzar unha superficie total de 359.615 metros cadrados.

Ao peche do ano 2016 contaba con 218 puntos de venda propios, 12 Cash Ifa e 159 franquías Claudio.

En canto ao gasto público, dos case 108 millóns de euros que destinou a este concepto, 70,13 corresponderon a impostos e tributos e 37,78 a cotizacións sociais; os fondos propios situáronse nos 336,49 millóns, fronte aos 291,73 de 2015.

A compañía fixou a expansión entre as súas prioridades e neste exercicio xa inaugurou catro Supermercados Gadis e sumou oito franquías Claudio situadas en diferentes puntos de Galicia e Castela e León.

O Plan de Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa aplicou máis de 2.000 accións en 2016 enfocadas ao medioambiente, solidariedade, cultura, deportes e recursos humanos.

No apartado ambiental, reciclou en 2016 un total de 748 toneladas de plástico, 6.772 de cartón e 156 de madeira, e moveu 5,132 millóns de caixas de plástico reutilizable para evitar a utilización innecesaria doutros materiais dun só uso.

Comentarios