Gadisa superou os 1.000 millóns de facturación por vez primeira en 2015

O grupo de distribución elevou un 4,2% as vendas, creou 201 empregos e investiu 12,1 millóns
Sede central de Gadisa en Betanzos
photo_camera Sede central de Gadisa en Betanzos

O pasado foi un ano de récord para Gadisa. O grupo de distribución galego rompeu por vez primeira a barreira dos 1.000 millóns de euros de facturación cunhas vendas que alcanzaron, en concreto, os 1.037 millóns, o que supón un aumento do 4,2% respecto da cifra de negocio de 2014. Esa boa marcha dos ingresos permitiu á compañía reforzar os seus fondos propios en 35 millóns e situalos en 291,7 a peche dun 2015 no que deu novos pasos no seu plan para modernizar e ampliar supermercados e sumar máis puntos de venda en Galicia e Castela e León, as dúas comunidades nas que ten presenza.

O crecemento da firma ten o seu reflexo no número de persoas ás que dá traballo de forma directa. Só o exercicio pasado incorporou 201 efectivos a un persoal que xa conforman 6.644 empregados. Entre eles, 422 promocionaron internamente, fronte aos 192 que o fixeron en 2014. Ademais dos activos que traballan de cara ao público nos establecementos, detrás desa cifra hai moito máis persoal, como o dos dous centros loxísticos que ten Gadisa, situados na sede central de Betanzos e en Medina del Campo, en Valladolid.


O exercicio pasado incorporou 201 efectivos a un persoal que xa conforman 6.644 empregados


Con ese cadro de persoal, a compañía achegou máis de 36 millóns a cotizacións sociais, aos que hai que engadir os 63,7 millóns abonados en concepto de impostos. 

Para afianzar a súa posición no mercado, a empresa investiu 12,12 millóns en 2015. Parte dese diñeiro destinouse á estratexia de expansión. As aperturas e remodelacións de supermercados acometidas elevaron en 5.670 metros cadrados a superficie comercial de Gadisa, que pasa xa os 355.100 metros nas diferentes liñas de negocio.

Os puntos de venda que ten repartidos o grupo por Galicia e Castela e León alcanzaban os 379 a 31 de decembro, entre establecementos propios (216), os Claudio franquiciados (que ascenden a 151 tras incorporar unha vintena en 2015) e unha ducia de Cash Ifa.

A esas cifras chegouse tras as catro inauguracións do ano pasado: dous Gadis na Coruña, un en Compostela e outro en Salamanca. A empresa tamén decidiu aumentar o espazo e reestruturar tres supermercados na cidade herculina, Santiago e Noia, ademais dun Gadis Hiper en Oleiros. A folla de ruta para este ano sitúa as primeiras actuacións en Lugo, coa ampliación e modernización dun local no centro da cidade, e na localidade leonesa de Valencia de Don Juan, onde está prevista unha apertura.

Comentarios