Galicia creou 7.900 empregos en 2019, unha cuarta parte dos sumados o ano anterior

O paro reduciuse en 3.200 persoas
Oficina de empleo. ADP
photo_camera Oficina de emprego. ARQUIVO

O paro baixou en 3.200 persoas o pasado ano en Galicia, ata quedar en 145.800 desempregados, cunha taxa do 11,7%, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (Epa) publicados este martes. Ao longo de 2019 creáronse 7.900 empregos na comunidade (+0,73%), de forma que o total de ocupados elevouse ata os 1.096.000. O repunte, con todo, é notablemente inferior ao de 2018, cando se sumaron 32.300.

Así as cousas, a baixada do paro en Galicia —dun 2,3%— é inferior á media en España (-3,4%), aínda que a taxa de desemprego segue na comunidade por baixo da española, que é do 13,78%. Así mesmo, os datos galegos de repunte da ocupación son peores (+0,73%) que os de España (+2,06%). 

No conxunto do Estado o paro diminuíu o ano pasado en 112.400 persoas. No entanto, este retroceso é inferior aos experimentados nos cinco anos anteriores. De feito, en comparación con 2018 o paro baixou en 2019 catro veces menos. Mentres, o emprego aumentou en 402.300 persoas, a menor cifra anual desde o inicio da recuperación económica en 2014. Iso non evita que a cifra total de ocupados en España se eleve a 19,96 millóns, o maior nivel en once anos.

A taxa de actividade en Galicia situouse en 2019 no 53,13% de media, que é maior entre os homes (57,5%), que tamén teñen unha taxa de paro menor que a media (10,3%). As mulleres galegas teñen unha taxa de actividade do 49,06% e unha taxa de paro do 13,29%.

Comentarios