Galicia quiere construir una planta de hidrógeno 'verde' de 50 megavatios

É un dos tres proxectos tractores da Xunta para reactivar a economía tras a crise do covid, xunto a unha planta de biogás a partir de xurros e outra de viscosa para o sector téxtil
Feijóo aborda con el comité de expertos proyectos para la reactivación económica. EP
photo_camera Feijóo aborda con el comité de expertos proyectos para la reactivación económica. EP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o conselleiro do Medio Rural, José González, reuníronse este mércores co comité de expertos económicos de Galicia para avaliar "os tres primeiros proxectos tractores" para reactivar a economía tras a pandemia da covid-19: plantas para fabricar hidróxeno verde, biogás a partir dos xurros gandeiros e viscosa para o sector téxtil. 

"Presentamos tres proxectos tractores deseñados co comité de expertos: viables, con demanda, que responden a unha oferta desatendida e que teñen moito que ver coa comunidade e co obxectivo de mobilizar investimento, innovación e emprego", explicou, nunha rolda de prensa, tras o encontro cos expertos, na que incidiu na aposta pola tecnoloxía, a biodiversidade, e a economía circular e verde. 

Segundo explicou, o primeiro dos proxectos constitúe unha iniciativa para a xeración de hidróxeno verde a partir de fontes renovables, o que permitirá converter Galicia "nun referente no ámbito da transición ecolóxica" e aproveitar o incremento da xeración de renovables no horizonte 2030. 

O economista Santiago Lago resalta que "poucos" van como Galicia na formulación deste tipo de proxectos, pero urxe o seu desenvolvemento

O segundo proxecto consistirá na implantación dun centro para o impulso da economía circular, co obxectivo de asegurar este principio na xestión de residuos para a súa transformación e valorización; axudar a que a comunidade cumpra cos obxectivos marcados pola Unión Europea para 2030, no que respecta ao reciclaxe de residuos; e garantir a sustentabilidade económica e ambiental das ganderías.

Sobre o terceiro proxecto, Feijóo destacou que o obxectivo será o de impulsar unha xestión "sostible" dos montes, co fin de impulsar a biodiversidade forestal e pechar o círculo do aproveitamento da madeira, cun centro de fabricación de fibras téxtiles a partir da madeira, que permita diversificar un sector estratéxico para Galicia. 

"En definitiva, imos traballar con estes proxectos, moi importantes para Galicia. Hai un nicho de mercado que está a esperar por eles e, ademais, entran dentro do Pacto verde europeo e, tamén, no instrumento de recuperación temporal para o período 2021-2024, dotado con 750.000 millóns de euros. Europa está a esperar proxectos maduros, competitivos e planificados con tempo como estes", aseverou.

A intención da Xunta é que se desenvolvan entre este ano e 2021, aínda que o investimento está pendente de concretar

DOUS PROXECTOS VINCULADOS Ao RURAL. Na rolda de prensa interveu tamén o conselleiro do Medio Rural, José González, quen incidiu en que dous dos tres "proxectos tractores" están vinculados ao agro: o centro de impulso da economía circular e a produción sostible de fibra forestal. Sobre o primeiro proxecto, o conselleiro destacou que con el se pretende producir biogás e fertilizante, pero tamén apostar polo reciclado de plásticos e téxtil. 

Así, explicou que, dentro deste centro, xestionarase o excedente dos xurros procedentes das ganderías galegas mantendo, iso si, a autoaplicación dos xurros como fertilizantes por parte dos produtores, e "garantindo a sustentabilidade económica e ambiental das explotacións". 

En canto á segunda iniciativa, explicou que estas fibras teñen a súa orixe en celulosa sostible da madeira e noutras orixes alternativas, como son os residuos biolóxicos da alimentación, agrícolas e forestais. Este proceso tería, segundo concretou González, un consumo de ao redor de 1,5 millóns de metros cúbicos de madeira por ano, ademais de permitir a xestión forestal sostible de entre 100.000 e 150.000 hectáreas de monte con biodiversidade, xerando unhas 250.000 toneladas de fibra de celulosa sostible anuais.

O Executivo autonómico analizará o impacto económico dos proxectos na súa reunión deste venres

GENERACIÓN DE HIDRÓXENO VERDE. Sobre o proxecto de instalación dunha planta de produción de hidróxeno verde de 50 MW para o seu uso na industria, na mobilidade como combustible e a súa inxección na rede galega de gasodutos, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, afirmou que esta iniciativa permitirá "incrementar a capacidade de xeración renovable en Galicia e atraer investimentos". Tamén "impulsar a descarbonización eficiente" da economía galega, na industria, a loxística ou na edificación; ademais de fortalecer "a posición competitiva" do sector industrial galego. 

Con esta actuación, a Xunta aspira a producir 5.100 toneladas anuais de hidróxeno que poderán abastecer unha flota de 630 camións de pila de combustible, durante un ano.

O GOBERNO GALEGO ANALIZARÁ O SEU IMPACTO ECONÓMICO. Para rematar, o coordinador do comité, Santiago Lago, referiuse a estes proxectos como unha peza fundamental para a reactivación económica. "Aínda que se van a poder desenvolver moitos máis, comezamos con tres proxectos novos porque o importante é desenvolvelos enseguida e, unha vez que entremos nesa dinámica, seguir con outros novos", explicou, á vez que subliñou que poucos o están facendo como Galicia. Pero matizou que "o tempo é importante", polo que o reto, agora está en concretar os proxectos canto antes e non "xogar á defensiva". 

Respecto diso, Feijóo defendeu que o impulso destes proxectos non constitúe un exercicio "teórico", senón práctico, xa que hai "demanda" para os produtos que fabricarían estas tres plantas en cuxo financiamento participaría a Xunta, contando tamén con fondos europeos, e na que o presidente espera que o sector privado teña un papel protagonista. 

Así mesmo, pretende que se desenvolvan entre este ano e 2021, aínda que o investimento está pendente de concretar. O Executivo autonómico analizará o seu impacto económico na súa reunión deste venres. 

Comentarios