jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

O grupo británico Howden compra a correduría viguesa Artai

Jaime Borrás, presidente de Artai.EP
Jaime Borrás, presidente de Artai.EP
O novo dono, un dos maiores brókers independentes do mundo, absorbe a compañía galega e desembarca así no mercado autonómico

Howden Broking Group, un dos maiores brókers independentes do mundo no campo dos seguros, consultoría de risco e asesoramento sobre prestacións para empregados, entra no mercado galego ao facerse co 100% do capital da viguesa Artai. Con Jaime Borrás Sanjurjo como presidente e accionista de referencia, Artai comezou a operar en 1993 e hoxe sitúase entre as principais corredurías de seguros de empresa de España.

Cun equipo integrado por máis de 170 profesionais, a firma galega conta con 17 oficinas en Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago e outras urbes como Barcelona ou Madrid. Fóra do territorio español, ten presenza en Marrocos, onde dispón de dúas sucursais.

Howden, que actualmente se sitúa como o maior grupo de mediación mundial en mans dos seus empregados —que ostentan o 70% do capital social—, pasará a controlar unha carteira de 350 millóns de euros en primas e superará os 600 traballadores. Ademais, contará con máis de 30 oficinas en España, Portugal e Marrocos.

Con esta integración, cuxo importe non transcendeu, o comprador suma un bróker especializado en asesorar compañías do téxtil, sector marítimo-pesqueiro, loxística e frotas. O seu expertise esténdese á xestión de riscos para grandes contas. "A operación cunha compañía do tamaño de Howden non só en España senón a nivel mundial abre tanto aos nosos empregados como aos nosos clientes un incrible abanico de posibilidades e mercados", constatou este venres Jaime Borrás.

CONCENTRACIÓN. O comprador, pola súa banda, enmarca a absorción na súa estratexia de crecemento para os próximos cinco anos, que pon o foco en reforzar "e priorizar o crecemento en Europa", segundo José Manuel González, o CEO de Howden Group. A operación sucede á adquisición do 60% de Compensa Capital Humano o pasado xullo e da correduría gaditana Arroyal Canteira en decembro. Nunha nota de prensa, o conselleiro delegado de Howden Iberia, Salvador Marín, indicou que se ofrece unha alternativa profesional e de nivel" aos traballadores de Artai "ante un mercado en proceso de consolidación".

Con sede en Reino Unido, Howden ten presenza en Europa, Asia, América Latina, África e Oriente Medio. Creado en 1994, emprega a 8.500 persoas en 35 países e aterrou en España en 1999.

Artai: "Aspirabamos a ser unha compañía de referencia en España"
A integración da viguesa Artai no británico Howden Broking Group está pendente de aprobación por parte da Dirección Xeral de Seguros. Na web da firma viguesa este venres podía lerse na súa mensaxe de presentación: "aspirabamos a converternos nunha compañía de referencia no sector en España". 

17,47millóns de €
Foi o que facturou a correduría galega en 2019, segundo a base de datos Ardán.  

O grupo británico Howden compra a correduría viguesa Artai
comentarios
ç