martes. 27.07.2021 |
El tiempo
martes. 27.07.2021
El tiempo

José Manuel Pazo: "Coa politización, hai risco de que o investimento eólico marche"

José Manuel Pazo Paniagua. EP
José Manuel Pazo Paniagua. EP
Con 3.829 megavatios xirando nos montes, a patronal eólica faille fronte á contestación política e social xerada por algúns proxectos

Á fronte da Ega dende febreiro de 2017, José Manuel Pazo é un fondo coñecedor do desenvolvemento do negocio do vento en Galicia ao levar 35 anos no sector. Nun escenario no que nas mesas da Xunta e do Goberno central —que tramita os parques de máis de 50 MW— hai proxectos a análise que suman uns 8.000 MW. Pazo incide en que, en lugar de "crear un conflito social", as administracións deben "poñer orde" e clarificar onde se pode construír e onde non.

Este martes conmemórase o Día Mundial do Vento e a Ega reclama renovar o pacto social que fixo posibles 25 anos de desenvolvemento eólico. Sobre que piares se debe sustentar?
Levamos 25 anos de plena convivencia, 25 anos nos que actuaron tanto o bipartito coma o PP neste desenvolvemento e parécenos un pouco alarmante a situación actual en contra da eólica. De feito, hai que lembrar que nos anos do bipartito se fixeron o dobre de parques que nos últimos 12 anos. Politízase demasiado sobre este tema cando afecta a nivel nacional. En Andalucía hai 700 proxectos e en Castela e León, outros tantos. Hai unha competencia de comunidades para ver quen leva a maior parte dos fondos europeos e o emprego e aquí parece que hai máis protagonismo político que de solucións poscovid. Isto, o que fai é confundir a sociedade. O sector eólico supón 7.000 empregos en Galicia e 120 millóns de euros en impostos para 105 concellos, que están contentos connosco. Ademais, temos 11 millóns anuais para os propietarios, unha cantidade significativa no rural. Gustaríame que se mirase a renda per cápita que tiñan eses concellos. Estamos sufrindo unha especie de paralización provisional, cousa que non está pasando noutras autonomías.

Sempre nos sorprendeu que o Ive da electricidade é máis baixo en case toda Europa, cando aquí estamos no 21%


Freouse o investimento?
O ano pasado, investíronse 2.000 millóns de euros en eólica en España e aquí, 35 millóns. Este ano, serán uns 1.800 a nivel estatal e aquí, 70. Ante isto, preguntámonos: se non hai autorizacións, non hai declaracións ambientais e non hai unha aposta firme por isto, por que hai tanta protesta? É un pouco ilóxico. De 200 proxectos, preséntanse dez en zonas sensibles que nunca se van construír. En certa forma, están nun proceso de averiguar o que poden ou non instalar. Todo isto politízase de tal forma que se confunde a sociedade galega e os investimentos paralízanse. Hai risco de que as empresas rematen investindo noutras comunidades.

Dende o punto de vista social, pode resultar desconcertante o feito de que estean en estudo ou tramitación uns 8.000 megavatios, o dobre do que está operando nos montes.
Claro. Pero iso non acontece só a nivel galego. A nivel estatal, están presentando 150.000 MW. É moitísimo máis do que está instalado agora. En cambio, o Plan Nacional Integrado de Energía y Clima 2021- 2030, o Pniec, fixa que se precisan tres veces menos. Aquí pasa o mesmo. Hai mostras de interese por construir 8.000 en varias zonas. Pero, na realidade, o que o sector pide dende hai dez anos son 500 MW anuais. Nos próximos dez anos serían 5.000 MW, cunha creación de emprego importante. Xérase confusión. Ademais, hai competencia entre o Estado e a comunidade. Os promotores estamos presentando proxectos e impactos ambientais e o papel das administracións é dicirnos se se poden facer ou non. As administracións deben ordenar e dicir onde se poden e onde non se poden construír. Tócalles poñer orde e para iso hai que desligar a parte política da economía. É o que esiximos.

Os promotores defenden un desenvolvemento "sostible", que pasa por implantar uns 500 MW de potencia ao ano na vindeira década

Hai proxectos de repotenciación ou o escenario non é propicio?
Si. Galicia é pioneira en repotenciacións. Temos xa cinco, cando no resto do Estado pode haber oito en total. As zonas nas que están ubicados os muíños son potencialmente importantes e boas e seguiranse facendo repotenciacións. Tamén é un tema sensible á hora de ocupar menos espazo, son menos aeroxeradores, aínda que tamén son máis altos. Comeza a xurdir esa política ambiental. Substitúense cinco muíños por un, pero require unha serie de estudos ambientais. É un tema que ten o seu longo prazo. Poden pasar dous anos e medio ou tres dende o momento en que se empeza un parque ata que se remata. Agora estamos propoñendo que as repotenciacións deben ter beneficios fiscais e unha tramitación diferentes. É un tema que están a tratar as administracións. Se o impacto está estudado dende hai 20 anos, é máis fácil de tramitar.

Cando chegaremos a ver con plenitude unha baixada do recibo da luz derivada da ampliación do peso das renovables no mix enerxético?
Nun prazo moitísimo máis curto do que a xente cre. En catro ou cinco anos teremos compensada con renovables a parte de importación. Cando fomos á subasta de enerxía renovable en xaneiro, o prezo estipulado foi duns 29 euros. Coa importación de gas e combustibles fósiles, a enerxía está agora a 65-70 euros. Se a eólica, solar, hidróxeno e almacenamento estiveran copando agora o mercado, o prezo sería da metade. Co MW a 29 euros sería moi probable que Alúmina seguira funcionando en Cervo e outras industrias, porque podemos asinar contratos bilaterais. Por outro lado, non dependeriamos das importacións. O ano pasado baixamos o prezo da luz un 30%. Pero non convén esquecer que o que gaña máis cartos coa subida da electricidade é o Estado. A enerxía supón o 25% do recibo, pero a maioría son impostos e outro tipo de gastos. Sempre nos sorprendeu que o Ive é máis baixo en case toda Europa. En Francia é do 5% e aquí estamos no 21. Recortar o prezo da luz é cuestión de impostos, non de cargarlle ás renovables ou a outro tipo de actividades.

No 2020 investíronse 35 millóns en Galicia e este ano serán 70 dos 1.800 proxectados no Estado. É ilóxica tanta protesta

A intención do Goberno de recortar a sobrerretribución das instalacións anteriores a 2005, que pon o foco na nuclear e a hidráulica, terá impacto en parques eólicos galegos?
A proposta vaille afectar a case 600 MW. O ano que vén pode incidir na cuarta parte dos parques galegos cunha retribución dun 20% menos de media. A nuclear e a grande hidráulica levan 40-60 anos operando, pero os eólicos levan menos tempo e xa sufriron un recorte de primas do 30%. Presentamos alegacións e esperamos que se reconduza este tema.
 

"Fronte a outra fonte de enerxía, xeramos 4 veces máis emprego"
O concello de Muras recibiu un premio pola integración do eólico e o rural. Que fai posible a convivencia de 614 habitantes con 381 muíños?
Téñoo moi presente porque fun o que instalou a primeira torre de medida alí. Muras era o concello coa renda per cápita máis baixa de Galicia, cuns 5.000 euros por habitante e agora ten uns 100.000 euros. Hai quen di que non influímos para nada na economía. Só pido aos mensaxeiros que miren as rendas per cápita. Se temos 105 concellos e hai unha recadación de 120 millóns, toca a un millón por municipio en administracións que xestionan un orzamento de entre un e dous millóns. Cando imos a Muras a xente recíbenos ben. Ademais, hai entre 30 e 50 mozos mantendo os parques. Non vivirán en Muras, pero si nos arredores. A eólica xera en Galicia catro veces máis emprego que calquera outra fonte de enerxía.

Creouse o Observatorio da eólica mariña coa Xunta, a pesca e a industria. Que futuro lle augura a esta tecnoloxía?
Sorprendeunos non estar convidados a ese foro, pero semella que nos integrarán nos grupos de traballo. Esta industria ten un gran futuro, pois Europa fala de que o 50% da electricidade será de orixe mariño. Pero é un proxecto longo, igual que o do hidróxeno. A eólica mariña para Galicia é fundamental, pois permitirá diversificar o sector naval. Con respecto ao sector pesqueiro, haberá que chegar a un acordo, aínda que penso que hai mar para todos.

José Manuel Pazo: "Coa politización, hai risco de que o...
comentarios
ç