La Caixa empregou a 3.300 galegos a través da súa obra social en 10 anos

O programa de inserción Incorpora media con empresas para dar traballo a persoas con dificultades e realiza despois un seguimento
Julio Masid, Marc Simón, Carlos Rosón y Lucía García
photo_camera Julio Masid, Marc Simón, Carlos Rosón y Lucía García

CaixaBank leva dez anos brindando a oportunidade de traballar a aqueles aos que lles custa máis atopar un emprego. Faino a través do programa Incorpora, unha iniciativa da obra social da entidade que viu a luz en 2006 e que, desde entón, introduciu no mercado laboral a 132.443 persoas con discapacidade, parados de longa duración, exreclusos, emigrantes e vítimas de violencia de xénero en toda España, 3.366 delas en Galicia.

Deste balance deu conta o xoves o director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Simón, que destacou, durante un acto de celebración do aniversario en Santiago, que o proxecto foi 'in crescendo'. Só en 2016 foron 695 as persoas en situación de vulnerabilidade que atoparon emprego na comunidade grazas á mediación da entidade, que en colaboración con oito colectivos sociais, como Cogami ou Cruz Roja de Lugo, encárgase de pór en contacto aos demandantes de traballo e ás empresas adheridas ao programa, que nestes dez anos foron máis de 1.400 en toda Galicia.

Pero o labor da obra social de La Caixa non acaba aí. Unha rede de técnicos de inserción encárgase do seguimento dos participantes no programa, ofrecéndolles formación e orientación para que se asenten na empresa con vistas a longo prazo.

É o caso de Lucía García Ferreiro, unha muller con discapacidade que traballa desde hai 4 anos en Viaqua. Contou durante o acto que empezou como substituta cubrindo vacacións e que agora ten un emprego como administrativa con contrato indefinido, un perfil ao que se axusta «á perfección» segundo explicou o seu propio xefe, Julio Masid, director xeral da compañía de augas.


O PROTAGONISMO. O representante de Incorpora Galicia e director de Igaxes3, Carlos Rosón, describiu o programa como «unha misión compartida» entre diferentes entes cun «obxectivo común: a inclusión social» das persoas con máis dificultades para atopar emprego. Un labor na que a obra social de La Caixa xoga un papel fundamental, investindo «510.000 euros en Incorpora» nos seus dez anos de historia, aínda que Rosón observou que «o protagonismo é das persoas e os empresarios. Nós [Incorpora] intentamos que flúa a comunicación entre eles». A hostalería é a rama onde máis empregos se facilitaron, un 25%. Un 14% foron no comercio e un 6%, como coidadores.

Comentarios