A CE investiga tres países polo réxime fiscal que aplican a Apple, Starbucks e Fiat

A Comisión Europea (CE) abriu hoxe unha investigación sobre o réxime fiscal que aplican Irlanda, Holanda e Luxemburgo a Apple, Starbucks e Fiat, respectivamente, para determinar se son axudas de Estado ilegais.

O vicepresidente da CE responsable de Competencia, Joaquín Almunia, recalcou que esta decisión non cuestiona o sistema xeral impositivo destes países, senón as medidas particulares aplicadas a estas empresas respecto ao imposto de sociedade. "Temos razóns para crer neste punto que, nestes casos específicos, as autoridades nacionais renunciaron a gravar parte dos ingresos destas multinacionais ou os seus beneficios", afirmou Almunia.

O Executivo comunitario decidiu tamén abrir un procedemento de infracción contra Luxemburgo por non entregar máis que unha pequena parte da información que se lle pediu e dunha calidade que Almunia cuestionou. "Teñen a obrigación de colaborar", recalcou o vicepresidente da Comisión, quen recordou que o Executivo comunitario manexa información confidencial como "materia prima, todos os días, non se pode facer este traballo só con información pública".

A decisión tomada hoxe céntrase na transferencia de beneficios ou ingresos dunha filial a outra dun mesmo grupo, para evitar supostamente declaralos en países onde os impostos son máis altos, cuns prezos de transferencia baixos.

Almunia indicou que se as autoridades dun país aceptan que a remuneración dunha filial asentada no seu territorio non corresponde ás condicións de mercado á hora de cobrarlle impostos, "pode querer dicir que esta compañía está a recibir un trato preferente" que pode supor unha vantaxe competitiva fronte a outras empresas, e xa que logo ser unha axuda estatal ilegal. "Sábese que algunhas multinacionais están a usar estratexias de planificación fiscal para reducir a súa carga fiscal global, estas practicas de planificación agresivas erosionan as bases impositivas nos nosos Estados membros", dixo Almunia. Ademais, "cando os orzamentos están axustados e aos cidadáns pídenselles que fagan esforzos para lidar coas consecuencias da crise, non se pode aceptar que grandes multinacionais non paguen a parte xusta dos seus impostos", recalcou.

O vicepresidente da CE indicou que existen "serias dúbidas" sobre a compatibilidade dos tres esquemas impositivos coa lexislación comunitaria, pero recordou que a apertura dunha investigación deste tipo non prexulga o resultado da mesma. Apuntou que antes de tomar unha decisión, estudaranse con coidado os comentarios que acheguen os países e de todas as partes que queiran contribuír no caso.

Se a Comisión conclúe finalmente que estes esquemas impositivos constitúen axudas de Estado ilegais, os países terán que modificalos e tamén podería esixírselles que recuperen parte da axuda concedida ás empresas. Almunia indicou que "é demasiado pronto para falar disto, aínda que a posibilidade está aberta".

Varias multinacionais como Apple, Amazon, Google e Starbucks foron criticadas por minimizar o pago de impostos a través de oficinas noutros países que gozan de mellor trato fiscal.

O réxime fiscal de países como Irlanda e Holanda motivou protestas doutros socios europeos en numerosas ocasións polo reducido imposto de sociedades que aplican ás empresas establecidas no seu territorio, aínda que as respectivas autoridades nacionais defenderon insistentemente a transparencia e validez dos seus sistemas.

Comentarios