Lactalis volve recoller leite mentres os gandeiros barallan abandonar o bloqueo esta tarde

Lactalis, a multinacional francesa con sede na localidade lucense de Vilalba, reconsiderou a súa decisión de suspender a recollida de leite en toda Galicia, que adoptara a primera hora de este venres, e reabriu o transporte desde as explotacións. A medida fora tomada como consecuencia do bloqueo que sindicatos agrarios e gandeiros manteñen nesta factoría desde o pasado mércores para protestar polos baixos prezos que perciben pola produción deste alimento.

Nesta liña, o director xeral da empresa, Aurelio Antuña, xa advertira de que se persistían as mobilizacións non se recollería este venres produto en cru. Desde a planta vilalbesa confirmaron que o transporte quedou suspendido "ata nova orde" porque se estaban quedando "sen combustible" para poder fabricar. E é que a súa sede, do mesmo xeito que a de Leite Río no polígono industrial do Ceao, en Lugo, e a de Leite Celta no municipio coruñés de Pontedeume, continúa bloqueada.

Desde as instalacións de Lactalis, a responsable do sector lácteo do SLG, Lupe Prado, confirmou que non tiña constancia de que a multinacional francesa decretase esta medida. A pesar de ser produtora e vender a esta distribuidora, Prado informouse precisamente por este xornal, xa que "o noso recolledor non nos dixo nada". A xuízo da sindicalista "Lence [en referencia ao propietario de Leite Río] e Lactalis van da man, toman as mesmas decisións e seguen as mesmas estratexias". Así as cousas, o responsable da firma gala queixouse este xoves de que as protestas ''se están alargando demasiado e provocan problemas de subministración importantes", e sinalou como mostra da súa 'boa vontade' o feito de que, a pesar das protestas, o leite cru recollido aos gandeiros si entrou na factoría de Vilalba, aínda que non saíu o produto terminado.

Pola súa banda, Jesús Lence considerou que na súa planta non hai razóns para suspender a recollida e acusou aos sindicatos de "faltar á verdade cando din que pagamos a 0.26 céntimos o litro de leite, xa que o prezo mínimo é de 0.30, a pesar de que o consumidor a adquire a 0.41 nas grandes superficies e a principal marca branca baixou o seu prezo o luns". Ao fío, o empresario precisou que ás súas industrias quédalles un céntimo de marxe por cada litro comercializado, antes de impostos.

O propietario de Leite Río sinalou que o boicot ás industrias responde a unha estratexia das cooperativas para "manipular o mercado, xa que no Ceao había máis cooperativas que sindicalistas". Tamén arremeteu contra a consellería de Medio Rural por responsabilizar ás envasadoras dun problema xeneralizado no sector lácteo español. "Bótalle ás industrias culpas que non teñen, no canto de executar competencias súas para que os gandeiros produzan máis barato", recriminou Lence.

Mentres tanto, Lupe Prado informou de que ao longo da tarde deste venres terminarán as concentracións ante as plantas das distribuidoras ás que consideran responsables da caída en picado dos prezos do leite en orixe. Así, en xaneiro de 2009 cen litros de leite (sen Iva) pagábanse a 33.22 euros; un ano despois os produtores recibían só 28.83 euros. "Levamos tanto tempo nesta situación que non entendemos como sendo deficitarios e contando cunha produción tan importante en relación co conxunto do Estado percibamos uns prezos tan baixos", protestou Prado, mirándose no espello francés.

A sindicalista dixo non entender tampouco "a falta de compromiso" da clase política, tanto da Xunta de Galicia como do Executivo español, a cuxos responsables acusou de colaborar cos gandeiros "unicamente con fotos e palabras bonitas", amparando deste xeito as intencións das distribuidoras "de ver como os produtores retrocedemos e vendemos o leite cada vez máis barato para obter eles os maiores beneficios".

Comentarios