As administracións deberán publicar en outubro os seus prazos medios de pago a provedores

Todas as administracións públicas de España deberán publicar no mes de outubro en termos homoxéneos cales son os seus prazos medios de pago a provedores (26,8 días de media no primeiro trimestre de 2014) e se incumpren a Lei de Morosidade enfrontaranse a unha posible intervención do Goberno.

Así, no caso de que unha comunidade autónoma ou concello teña dificultades e se detecte que non este cumprindo os compromisos que marca a lei, o Ministerio de Facenda poderá pagar as facturas e restarallo no financiamento correspondente, explicou o seu titular, Cristóbal Montoro.

Ofreceu estes datos tras o Consello de Ministros no que se aprobaron dous reais decretos: un coa publicación dos períodos medios de pago das administracións e outro de creación dunha central de información económica-financeira de todas as administracións.

Montoro defendeu que se trata dun "avance na transparencia" e explicou que todos os provedores das administracións públicas deben coñecer se cada unha está a reducir os prazos ata o ámbito que marca a Lei de Morosidade.

En caso de incumprimento, o Goberno pode intervir na súa cota correspondente dos seus sistemas de financiamento autonómico e local, co que se garante aos provedores o cobro e que o fan en tempo.

Montoro recordou que no primeiro trimestre de 2014 está a pagarse aos provedores en 26,8 días de media, fronte ao primeiro trimestre de 2012, cando o período medio era de 41,7 días.

A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, considerou estes decretos como "un elemento máis contra a dinámica das facturas no caixón".

"Vai permitir sen dúbida mellorar os pagos e con iso a competitividade da economía e reducir as necesidades de financiamento das empresas, o que facilitará a recuperación do crecemento e mellorará a confianza do conxunto das administracións", dixo.

O decreto que para desenvolver a metodoloxía de cálculo do período medio de pago aos provedores por parte das administracións públicas dá cumprimento ao mandato da lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira e implementa unha das propostas do informe da Comisión para a Reforma das Administracións Públicas (CORA).

O decreto regula tamén a retención de recursos cando a Administración Xeral do Estado se faga cargo directamente do pago se se incumpre reiteradamente o prazo máximo.

O período medio de pago definido no real decreto mide o atraso no pago da débeda comercial en termos económicos, sen prexuízo do período legal de pago establecido.

O cálculo do período medio de pagos fundamentarase principalmente na información que obre no rexistro contable de facturas creado tras a lei de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable de facturas no sector público.

Comentarios