NCG vende outro 4% de Pescanova e logra unha plusvalía de 3,5 millóns

Novacaixagalicia (NCG) vendeu outro 4 por cento da súa participación en Pescanova a 30 euros a acción nunha operación na que logrou unha plusvalía bruta a nivel consolidado de 3,5 millóns de euros.

Fontes da entidade financeira informaron hoxe de que o paquete vendido ascende a 777.866 accións, polas que ingresou máis de 23 millóns de euros.

A finais de maio, NCG xa vendeu un bloque de accións equivalente ao 15 por cento de Pescanova por 88,4 millóns de euros, o que supuxo unha plusvalía bruta consolidada de 20,8 millóns.

A devandita venda estruturouse en dous bloques a prezos diferentes, en ambos os casos superiores á cotización actual das accións de Pescanova, situada en 28,9 euros por acción.

Novacaixagalicia asinou a venda dun paquete do 10 por cento a 30 euros por acción e outro do 5 por cento a 31 euros por acción.

Este segundo paquete foi adquirido polo presidente do consello de administración de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa.

A saída de NCG de Pescanova forma parte do plan de recapitalización interna da caixa galega baseado na desinversión de activos e negocios non estratéxicos para adaptar o core capital e o capital principal da caixa á nova lexislación española e reducir as súas necesidades de capital externo.

En concreto, a desinversión en accións de Pescanova reportará ao capital principal de Novacaixagalicia entre 26 e 30 millóns de euros de capital.

Comentarios