Norvento adxudícase 128 megawatios na poxa dos eólicos

A empresa lucense faise cunha parte dos 3.000 MW poxados este mércores. Os resultados son provisionais, á espera da validación da CNMC
Uno de los parques eólicos próximos a la estación eléctrica de Boimente
photo_camera Uno de los parques eólicos próximos a la estación eléctrica de Boimente

A tecnoloxía eólica erixiuse este mércores como triufadora na poxa de enerxía organizada polo Ministerio de Economía co fin de impulsar o desenvolvemento das renovables tras o parón que supuxo a supresión do sistema de primas para reequilibrar as contas do sistema eléctrico. Dos 3.000 megawatts (MW) en liza, 2.979,55 repartíronse para a instalación de aeroxeradores. O principal beneficiario, con 1.200 MW, é o grupo aragonés Forestalia, cuxo propietario, Fernando Samper Rivas, procede do negocio do porcino e logrou 300 MW na poxa que o Goberno desenvolveu en xaneiro de 2016, na que conseguiu outros 100 de biomasa.

As seguintes foron Gas Natural Fenosa, con 667 MW; Endesa, con 540; Gamesa, con 206,45, e a aragonesa Brial Enerxía, con 237,5. A sexta compañía en conseguir potencia nunha poxa na que competiu con todas as grandes eléctricas foi a lucense Norvento, que leva 128,6 MW. Isto permitiralle dar un empuxón aos proxectos que ten pendentes en Galicia, entre os que figuran parques en Mondoñedo. A compañía que fundou Pablo Fernández Castro ten 330 MW en desenvolvemento na comunidade, dos cales 303 correspóndense con parques do concurso que a Xunta resolveu en 2010, cuxa instalación se viu paralizada polo xiro na política enerxética do ministerio.

Aínda que na convocatoria deste mércores adxudicábase potencia con dereito a un incentivo, do mesmo xeito que en xaneiro de 2016 resolveuse con prima cero debido á forte presión competitiva nun proceso de ofertas á baixa. No entanto, o atractivo da poxa deste mércores radica en que os promotores contan cun chan retributivo de 42 euros MW/hora que lles garante que, se o prezo do 'pool' no mercado almacenista cae por baixo dese nivel, terán ese mínimo garantido.

O compromiso que asumen os adxudicatarios é desenvolver a potencia de aquí a finais de 2019 para non perder os avais de 20.000 euros por MW depositados.

"A nosa avaliación é positiva, pois a eólica saíu ben parada", indicaron a AGN fontes da patronal eólica de Galicia (Ega), que destacaron que Norvento, Gas Natural, Endesa e Gamesa teñen parques en desenvolvemento en Galicia, o que implica que se dan as condicións para pór as primeiras pedras coas que comezar a construír na comunidade". No entanto, inciden en que os promotores teñen ata final de ano para asignar a potencia a parques concretos, polo que chaman á Xunta a "facer os deberes" para que os aeroxeradores se instalen na comunidade. Para iso, demandan a supresión do canon eólico, que supón un sobrecusto, e que se articule un procedemento "áxil" para actualizar os proxectos de 2010. E é que pasaron sete anos e "as máquinas xa están obsoletas", polo que tocaría cambialas sen que iso implique "empezar de novo coa tramitación" dos parques. "Debemos ser competitivos", incide a Ega en referencia a unha comunidade que ocupa o terceiro posto no ranking español con 3.344 MW instalados.

Forestalia precisou que asinou un acordo con General Electric (GE) polo cal a compañía estadounidense proveralle os aeroxeradores para instalar os 1.500 MW conseguidos entre as dúas poxas. GE materializará o acordo apoiándose nas súas plantas de fabricación de pas de Ponferrada e Castellón, o centro de excelencia en enxeñería que ten en Barcelona e no centro de servizos nas Pontes. Todo indica que toda a potencia desenvolverase en Aragón.

Pola súa banda, Endesa anunciou que investirá uns 600 millóns, confirmando que algún proxecto recaerá na comunidade galega.

Fronte á satisfacción do sector eólico, a Unión Española Fotovoltaica avanzou que impugnará a poxa ante a Comisión Europea ao non lograr potencia.

Comentarios