Os orzamentos de 2019 elevarán a baixa de paternidade a 16 semanas

Igualar os permisos de pai e nai persegue fomentar "a corresponsabilidade" e axudar a que as empresas "teñan claro" que ambos van exercer os seus dereitos polo nacemento dun fillo

Un bebé agarra un dedo. EP
photo_camera Un bebé agarra un dedo. EP

Os orzamentos de 2019 elevarán o permiso de paternidade a 16 semanas intransferibles, para igualalo así ao de maternidade, segundo confirmou este luns a ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social, Magdalena Valerio. Nunha entrevista coa Cadena Ser, Valerio explicou que o Goberno quere igualar as baixas de paternidade, que agora son de 5 semanas, ás de maternidade para que "exista a corresponsabilidade" e axudar a que as empresas "teñan claro" que ambos van exercer os seus dereitos polo nacemento dun fillo por igual.

Trátase dun paso máis para "remover os obstáculos para que haxa unha igualdade real de acceso ao mundo laboral" e reducir a brecha de máis "de once puntos" entre a taxa de actividade de mulleres e a de homes, segundo a ministra. Non quixo apuntar unha posible data de aplicación, xa que esta medida aínda debe ser aprobada no Parlamento.

Outra medida que busca o Goberno para fomentar a igualdade é, segundo dixo, fomentar a gratuidade das escolas de nenos de entre cero a tres anos. "Calquera medida seria ten que ir acompañada dunha memoria económica", explicou Valerio sobre o financiamento da iniciativa de igualar permisos.

Respecto da inscrición do "suposto" sindicato de traballadoras sexuais, explicou que se pode intentar a anulación de oficio, pero "xuridicamente é moi complicado", polo que "é máis interesante irse á Audiencia Nacional a impugnar os estatutos".

Durante a entrevista Valerio referiuse tamén ás pensións, que o Goberno quere que suban o mesmo que o IPC real, e apuntou que "haberá que estudar a creación de impostos especiais" para completar vía presupostos xerais o seu financiamento a longo prazo

Comentarios