O paro baixa en Galicia en 2.734 persoas durante o mes de abril

A nivel nacional, o número de parados rexistrados baixou en 86.260 desempregados en abril (-2,77%)
Cola en una oficina de empleo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Cola en una oficina de empleo. GONZALO GARCÍA

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou en 2.734 persoas en Galicia durante o mes de abril (-1,78%), segundo datos publicados este mércores polo Ministerio de Traballo e Economía Social, recollidos por Europa Press.

Con este descenso, o número de persoas desempregadas na comunidade galega situouse nas 150.602, é dicir, 20.176 parados menos que hai un ano (-11,81%).

Deste xeito, Galicia situouse en abril entre as comunidades onde menos descendeu o paro, con Illas Baleares á cabeza, onde caeu un 15,31%, seguida de Andalucía (-4,07%). O mes pasado, todas as rexións españolas rexistraron baixadas do número de desempregados excepto Ceuta, onde subiu un 0,43%.

Por provincias, na Coruña o paro baixou en 1.427 persoas en abril, ata 59.363 desempregados, mentres que en Lugo creáronse 409 postos de traballo, quedándose con 14.248 parados. En strong <>Pontevedra, o número de desocupados baixou en 947 persoas, ata 59.633. Ourense foi a única provincia galega onde creceu o desemprego, con 49 parados máis, ata 17.358 desocupados.

Do total de 150.602 parados en Galicia, máis dun 58% é muller. Ademais, entre outras cifras, o 4,2% son persoas de menos de 25 anos de idade.

A nivel nacional, o número de parados rexistrados baixou en 86.260 desempregados en abril (-2,77%), duplicando o descenso que experimentou no mesmo mes de 2021, cando retrocedeu en 39.012 persoas.

A caída do desemprego en abril situou a cifra total de desempregados en 3.022.503 persoas, o seu menor nivel nun mes de abril desde 2008, sempre segundo datos do Ministerio.

Desde 1996, ano no que arrinca a serie histórica comparable, rexistráronse subidas do paro en 3 meses de abril e baixadas en 24. O deste ano é o mellor dato desde abril de 2019, cando o desemprego descendeu en algo máis de 91.000 persoas. En termos desestacionalizados, o paro rexistrado baixou en abril deste ano en 4.599 persoas.

No último ano o desemprego acumula un descenso marca de 888.125 parados, o que supón un 22,7% menos, cun retroceso do paro feminino de 474.740 mulleres (-21%) e unha caída do desemprego masculino de 413.385 homes (-25,1%).