O Goberno pacta con Bruxelas ampliar o período de cálculo das pensións

A reforma, que previsiblemente deparará prestacións máis baixas, figura no documento cos compromisos adquiridos para recibir fondos europeos. A UE pide a España garantía da equidade interxeracional nas prestacións
El ministro de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones, José Luis Escrivá. EMILIO NARANJO (EFE)
photo_camera José Luis Escrivá. ARQUIVO

España deberá ampliar o período de cotización que ten en conta á hora de calcular o importe das pensións para recibir os fondos europeos de recuperación. A medida figura no acordo operativo subscrito polo Goberno español e o Executivo comunitario que permite empezar a solicitar o desembolso de fondos, o que recolle todas as reformas ás que se compromete España. 

O documento prevé que ese cambio se aprobe antes do final de 2022 e que se aplique de forma progresiva a partir de 2023. Entón xa se terán en conta as bases de cotización dos últimos 25 anos da carreira laboral para determinar o importe da pensión a recibir, froito da reforma que entrou en vigor en 2013 e foi ampliando ese período, que en 2012 era de 15 anos.

Agora está por ver cantos máis se suman, cunha medida que cabe prever que reduza moitas novas prestacións porque as retribucións dos primeiros anos dunha carreira laboral adoitan ser menores ás dos últimos.

Este asunto foi polémico durante a elaboración do plan de investimentos e reformas hai case un ano, porque chegou a circular un borrador no que se elevaba de 25 a 35 anos o período de cálculo. O documento finalmente incluíu a extensión do período pero sen especificar un número de anos concreto nin aclarar se se ampliaría con carácter xeral por enriba dos 25 anos. Así se volve a recoller no acordo operativo subscrito agora, sen que a Seguridade Social queira facer agora máis aclaracións. 

O período de cotización que se ten en conta para calcular a pensión xa se está ampliando agora pola reforma que entrou en vigor en 2013: chegará aos 25 anos en 2022 

Fontes do ministerio remiten ao fixado no texto, onde se di que a medida busca "reforzar a progresividade e o carácter contributivo do sistema facendo que a pensión de xubilación reflicta en maior medida a vida laboral do traballador e atenda a realidade dun mercado laboral no que as interrupcións e as lagoas son cada vez menos excepcionais". 

Máis aló deste cambio, España terá que xustificar ante Bruxelas que o novo mecanismo que asegurará a sustentabilidade das pensións realmente garante a equidade interxeracional, para o que terá que enviar á Comisión Europea unha avaliación de impacto que o corrobore. 

A reforma de pensións é un dos fitos que hai que cumprir e cuxa primeira parte xa foi acordada cos axentes sociais no mes de xullo. Unha segunda parte está en fase de negociación e inclúe un mecanismo de equidade interxeracional que substituirá ao derrogado factor de sustentabilidade da reforma do PP, que prevía un axuste á baixa das novas pensións en función da esperanza de vida. 

Para mitigar o incremento do gasto en pensións que se producirá ata 2050 como consecuencia da xubilación da xeración do baby boom, a Seguridade Social propuxo un aumento de 0,6 puntos das cotizacións sociais durante dez anos para volver nutrir o fondo de reserva, o denominado peto das pensións que se baleirou coa anterior crise. 

Comentarios