Renfe incrementa un 1% o prezo dos billetes de Longa Distancia e Ave

Tras o incremento, o primeiro en cinco anos, a viaxe en Alvia Madrid-Vigo custará desde este mércores 56,6 euros sen descontos, fronte aos 56,1 euros actuais
Pasajeros a punto de subir a un tren
photo_camera Pasajeros a punto de subir a un tren

Renfe elevará unha media do 1% o prezo do billete básico de todos os trens de Alta Velocidade (Ave) e Longa Distancia a partir deste mércores, 15 de febreiro. Trátase da primeira subida deste servizo en cinco anos que, segundo informou a compañía, tradúcese nun encarecemento do billete nunha media de 0,48 euros. Así, a viaxe en Alvia Madrid-Vigo custará 56,6 euros sen descontos, fronte aos 56,1 euros que supuña ata agora, e o Altaria Murcia-Madrid ascenderá a 47,4 euros, no canto dos 47 euros actuais. Pola súa banda, a Ave Madrid Valencia alcanzará os 73,1 euros, fronte aos 72,4 euros.

O incremento afecta o prezo xeral do billete, un importe que posteriormente se acolle ao sistema de prezos flexibles que ten implantado a empresa. Trátase dunha especie de poxa polo que o custo da viaxe en Ave e Longa Distancia oscila á alza ou á baixa en función da demanda que ten no momento da compra. Iso si, Renfe continuará coa súa estratexia comercial de descontos e promocións que, segundo asegura, permiten reducións de ata o 70%.

En canto ao billete de proximidade e Media Distancia (rexionais) manterase conxelado este ano. Estes trens teñen carácter de servizo público e, por iso, Renfe recibe unha subvención estatal duns 500 millóns de euros para prestalos.

No caso da Ave e a Longa Distancia, a subida do 1% que este mércores entra en vigor é a primeira en cinco anos, desde a aplicada en maio de 2012. No entanto, ese ano foi o único no que estes trens perderon viaxeiros. Por iso, en febreiro de 2013 a compañía decidiu aplicar unha baixada xeneralizada do 11% no prezo básico e lanzar a referida política de promocións e descontos que actualmente mantén.

RÉCORD. Desde entón, Renfe vén encadeando catro marcas anuais de viaxeiros transportados nestes trens que lle permitiron gañar 8,3 millóns novos viaxeiros, aínda que en parte tamén se debe á posta en servizo de novas liñas. En 2016, a Ave e a Longa Distancia transportaron un total de 35,21 millóns de viaxeiros, un 5,3% máis que un ano antes. Deles, 20,4 corresponderon a trens de Alta Velocidade que ademais, desta forma, superaron por vez primeira a cota dos vinte millóns de usuarios nun ano.

A compañía remarca que durante estes últimos cinco anos nos que os prezos da Ave non se modificou non repercutiu aos billetes o incremento dos custos de produción, fundamentalmente o relacionado coa enerxía.

Comentarios