Rueda promete "menos burocracia" ás empresas ante o gancho fiscal portugués

O presidente da Xunta recolle a luva dos patróns, que advirten dunha perda de competitividade ante o país veciño. O máximo responsable da Agef reivindica a empresa familiar como sinónimo de "lonxevidade" e garante de emprego "estable".
El presidente de la Agef, José Bernardo Silveira (cuarto por la izquierda), acompañado de autoridades y empresarios ayer en el hotel Quinta da Auga en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera O presidente da Agef, José Bernardo Silveira (cuarto pola esquerda), acompañado de autoridades e empresarios este mércores no hotel Quinta da Auga en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)

Eliminar canta máis burocracia mellor" e "dar seguridade xurídica" ás empresas en Galicia para competir coas vantaxes fiscais e administrativas que ofrece Portugal, que a maiores dunha tributación máis favorable oferta solo industrial a prezos moi competitivos e ofrece uns requisitos urbanísticos máis laxos.

Fronte a este atractivo gancho empresarial alén do Miño, uns trámites máis simples e leis asentadas son a receita que ofreceu Alfonso Rueda este mércores á empresa familiar galega, na clausura da súa vixésimocuarta asemblea xeral, celebrada no compostelán hotel Quinta da Auga. 

A competencia de Portugal

"Galicia ten un importante desafío competitivo con Portugal, que desenvolveu unha política de atracción de empresas, patrimonios e investimentos, así como de facilidades a nivel administrativo que nos está facendo perder competitividade fronte ao territorio veciño", explicou José Bernardo Silveira Martín, presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef), que o próximo ano celebrará os seus 25 anos de vida.

E o desexo do seu primeiro espada é chegar a esas vodas de prata coa mesma saúde que ata o de agora aínda que para seguir na "senda do crecemento" ve necesarias unha serie de medidas que pasan por "mellorar a fiscalidade, eliminar trabas burocráticas e administrativas e dar seguridade xurídica das licenzas de actividade e urbanísticas", explicou, para sinalar directamente á "lei de costas e ás licenzas das enerxías renovables", asuntos que acabaron nos tribunais, como a antítese do que persegue a empresa.

Ante executivos e socios da Agef como o líder da patronal galega (CEG), Juan Manuel Vieites; a presidenta e a conselleira delegada de Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro e Blanca de Cora García-Montenegro, ou a exconselleira ourensá Elena Rivo, que este mércores volveu coincidir con Rueda tras o seu cesamento á fronte de Emprego —e que aplaudiu ao seu antigo xefe de filas tras o seu discurso— , Silveira sacou peito de que "as empresas familiares desempeñamos un papel fundamental no desenvolvemento económico e social de Galicia, cunha "cota de mercado internacional que non deixou de crecer, con importantes investimentos internacionais".

La presidenta y la Ceo del Grupo El Progreso, con Rueda. PEPE FERRÍN (AGN)
A presidenta e a Ceo do Grupo El Progreso, con Rueda. PEPE FERRÍN (AGN)

De feito, "o investimento internacional das empresas galegas multiplica por 20 os investimentos estranxeiros que Galicia foi capaz de atraer nos últimos 25 anos, cun récord en exportacións de 30.000 millóns en 2023", expuxo o presidente da Agef, á súa vez director xeral do Grupo Nosa Terra 21 —baixo cuxo paraugas se agrupan Navieira Elcano, Remolcanosa ou a Sociedade hispanolusa de Servicios Marítimos—.

A empresa familiar, sinónimo de lonxevidade

A continuación, destacou as principais cualidades da empresa familiar. "Primeiro, a inmensa maioría das empresas centenarias de Galicia son familiares. Ademais, as de segunda, terceira e cuarta xeración son as que ofrecen máis emprego estable. E por último, entre as empresas galegas máis lonxevas hai moitas pequenas e medianas, que se caracterizan por unha rendibilidade boa pero non excesiva", explicou Silveira.

É dicir, unha cultura do esforzo e a perseveranza allea aos crecementos por enriba dos dous díxitos e ao pelotazo, que foi recoñecida polo presidente da Xunta na súa intervención, que pechou o acto tras os discursos de Silveira e Victor Casal Antón, director executivo da área para empresas de Abanca, partner do evento e cuxo "acompañamento" financeiro foi agradecido polo presidente da Agef.

Alfonso Rueda, pola súa banda, eloxiou a empresa familiar: "Vostedes son parte fundamental do tecido da comunidade e por moitísimas razóns: volume, calidade, tradición e por como estruturan a nosa comunidade". E ofreceulles a súa "man tendida" aos empresarios para "contribuír á prosperidade de Galicia".

Crise con Arxentina

O presidente da Xunta non pasou por alto, ao referirse ao citado récord exportador galego, a crise diplomática con Arxentina.

"O que estamos a ver a min preocúpame, moitísimo. Acabamos de estar hai tres semanas alí, estreitando lazos de forma amigable polo ben das empresas galegas. E xa se poden imaxinar o panorama", lamentou, antes de finalizar a súa alocución cunhas palabras fundidas nun aplauso: "Sigan crecendo, porque se crecen, imos crecer todos".

Comentarios