O Supremo anula un despedimento dunha embarazada por non detallar o período de proba

Tomba o cesamento levado a cabo por unha empresa coruñesa que non precisou a duración desa etapa no contrato
La afectada fue cesada tras coger una baja y comunicar su estado. PIXABAY

A Sala do Social do Tribunal Supremo (TS) declarou a nulidade do despedimento dunha traballadora embarazada por parte dunha empresa con sede na Coruña que lle comunicou a rescisión do seu contrato o 23 de abril de 2018 por "non superar o período de proba", logo de selar con ela un acordo de carácter indefinido con efectos desde o 2 de xaneiro dese mesmo ano.

Nunha sentenza con data do pasado 9 de decembro, o TS desestima o recurso de casación interposto polo empleador en contra do fallo que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou en xuño de 2019, que tombou o despedimento. O Supremo argumenta que o contrato laboral non especificou a duración do período de proba.

A decisión da compañía —especializada en servizos fiscais como a recuperación do Iva— produciuse despois de que a traballadora comunicase á dirección o 19 de abril de 2018 unha baixa por incapacidade temporal expedida polo Sergas, cunha duración estimada de 29 días, dando conta do seu embarazo. Previamente, esta titulada de grao medio xa trasladara o seu estado á empresa de recursos humanos a través da que a ficharon. Só catro días logo de comunicar a incapacidade temporal, a muller recibiu o burofax que lle informaba do despedimento por non "superar o período de proba".

O conflito estriba en que o contrato de traballo non especificaba a duración desa etapa, senón que se limitaba a constatar que a súa extensión se rexería "segundo convenio ou artigo 14 do Estatuto dos Traballadores". Ademais, nas cláusulas adicionais, o acordo laboral deixaba claro que ese tempo —durante o cal tanto o empresario como o asalariado poden extinguir a relación sen necesidade de xustificar a causa, realizar un preaviso ou abonar unha indemnización— interromperíase en caso de incapacidade temporal.

A empresa escudouse en que o convenio estatal do sector da consultoría fixa que o período de proba "en ningún caso poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados" e que a afectada levaba catro no equipo. Con todo, os xuíces conclúen que "a non concreción dun período de proba cunha mera remisión ao Estatuto dos Traballadores (ET) non pode interpretarse como a intención de subscribir" un prazo de seis meses, "polo mero feito de que tanto o ET como o convenio así o prevexan".

Agora, o Supremo desestima o recurso de casación que interpuxo a empresa para instar os maxistrados a unificar doutrina, alegando que o fallo do TSXG entraba en contradición "" con outro ditado en 2006 polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid. Ademais de confirmar a sentenza do TSXG —que avalou unha resolución previa do xulgado do Social número 4 da Coruña que ordenou a "inmediata readmisión" da traballadora e o abono dos salarios deixados de percibir—, condena á empresa a abonar as costas do proceso.

Comentarios