Ternera Gallega mantivo vendas por 123 millóns de euros en 2019

O proceso para que se recoñeza na UE á IXP de Vaca e Boi "vai lento" e demándase un plan galego estratéxico para a carne de vacún 
Jesús González durante la rueda de prensa. EPfoto xoán crespo
27/02/2020
photo_camera Jesús González durante a rolda de prensa. EP

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega rexistrou unha cifra de negocio de 123 millóns de euros en 2019, "similar" á do ano anterior. 

O presidente do Consello Regulador das indicacións protexidas de carne de vacún de Galicia, Jesús González, considera estas vendas "moi positivas" tendo en conta a "presión que está a sufrir" o consumo deste alimento "nos últimos tempos". 

En rolda de prensa en Santiago presentáronse os resultados dun 2019, no que houbo un crecemento do 2% tanto en explotacións activas, ata 8.298 inscritas; como en tenreiros rexistrados, ata 135.263. 

Jesús González sinala que Ternera Gallega mantén as súas vendas, a pesar de que "distintos organismos públicos" e noticias "xeran certo alarmismo" sobre o consumo de carne, unido a distintas "correntes" como as de veganos e animalistas. 

Pola súa banda, os prezos mantivéronse "estables" en 2019, entre 4,30 e 5 euros por quilo de canle. Considera "fundamental" mellorar estas cifras, porque diso depende a continuidade de moitas explotacións. 

O número de canles certificadas –corpo do animal despois de ser sacrificado e eviscerado– e toneladas de carne comercializadas baixo a Indicación Xeográfica Protexida contan cun descenso do 0,5%, Son 96.104 canles e 21.235 toneladas.

RECOñECEMENTO "LENTO" DE IXP VACA E BOI. Respecto dos trámites de recoñecemento e rexistro da IXP Vaca Galega e Boi Galego ante a Comisión Europea, Jesús González lamenta que "vai lento". 

Explica que este ano se cumpren tres anos desde o seu impulso, pero prevé que non sexa ata o ano que vén que se completen os trámites na UE. Mentres, trabállase cunha Protección Nacional Transitoria coa que se consegue só un crecemento "máis moderado". 

As explotacións de vacas e bois aumentaron en 113 en 2019 –González considera que son "poucas"–, con case 800. Neste caso, con prezos "moi variables" ao longo do ano.

EXPORTACIÓNS E COMPROMISO AMBIENTAL. Ternera Gallega vende o 46% da súa produción en Galicia e o 51% no resto de España. A exportación supón o 3%, centrada en Alemaña, Norte de Portugal e Andorra. 

O presidente do Consello Regulador das indicacións protexidas de carne de vacún de Galicia asegura que as vendas ao exterior están "focalizadas" en Alemaña. Principalmente, en cidades de Baviera. 

De cara a esta campaña de 2020, Jesús González explica que "preocupa" a sustentabilidade do sector cárnico, polo que se centrarán en facer un esforzo" no benestar animal, a través dun compromiso ambiental e a redución do uso de medicamentos, entre outros.

PLAN ESTRATÉXICO. Xunto a isto, Jesús González sinalou como "necesario" a posta en marcha dun plan estratéxico do sector da carne de vacún en Galicia. 

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, recoñeceu o labor de Ternera Gallega nos últimos 30 anos. Remarca que existe "unha débeda da sociedade" coas denominacións de orixe para fixar poboación, manter o medio ambiente e evitar incendios. 

Comentarios