Representantes da sección sindical de UXT de Zara España da provincia da Coruña, xunto con traballadoras, manifestáronse este luns ante os xulgados "ante a negativa de Zara de permitir a conciliación da vida laboral e familiar dunha traballadora". Nun comunicado, asegura que a empresa "négase a darlle un horario adecuado para poder coidar do seu fillo".
"Despois de que a traballadora reducise a súa xornada e solicitase un horario que lle permita coidar do seu fillo, achegando todo tipo de xustificación, a empresa non lle concede o horario", apostila.
O sindicato afirma que "nunha tenda cun persoal superior aos 100 traballadores, resulta difícil crer que non pode concederlle a unha traballadora horario de mañá pola imposibilidade de que alguén coide o seu fillo pola tarde" e lamenta que "xudicializar as reducións de xornada con concreción horaria" poida converterse "nunha constante".