A Xunta manterá "se é necesario" en 2021 as axudas a autónomos

As subvencións pendentes a microempresas, hostalería e autónomos pódense pedir desde este sábado e pagaranse en 2020 
Un camarero monta una terraza en una calle de Santiago de Compostela. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera Un camareiro recolle unha terraza nunha rúa de Santiago de Compostela. LAVANDEIRA JR (EFE)

A Xunta manterá "se é necesario" en 2021 as axudas para seguir "apoiando a calquera sector" que o necesite debido ás restricións sanitarias pola pandemia, segundo asegurou este venres a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

Durante unha visita ao centro de formación Forga de Vigo, para coñecer un programa de emprego integrado que desenvolve a Federación de Hostaleiros con financiamento autonómico, a conselleira confirmou que, ata este xoves, o número de solicitudes de axudas para autonómos, relativas ao primeiro paquete de axudas da Xunta, ascendía a 17.635.

Lorenzana constatou que esas axudas para autónomos "están a ter moita demanda", aínda que matizou que "queda orzamento dispoñible", uns 9 millóns de euros, dos 30 millóns cos que se dotou ese primeiro programa. "En 2021, se é necesario, imos continuar apoiando a calquera sector polas restricións sanitarias, e así está previsto nos orzamentos da Consellería", sinalou.

As axudas pendentes pódense pedir desde este sábado e pagaranse en 2020 
O Diario Oficial de Galicia publica este venres as ordes de axudas para microempresas, autónomos a cargo e hostalería que faltaban por activar e que forman parte do plan de rescate para estes colectivos no marco da crise económica derivada da pandemia. Segundo se recolle na orde, revisada por Europa Press, o abono das subvencións reguladas neste programa realizaranse "polo 100 por cen no ano 2020". 

A orde de axudas, dotada con 84 millóns de euros, entra en vigor este sábado, tras o paso previo da publicación este venres no DOG. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves esta medida tras recordar que o prazo para solicitar a primeira das liñas de axudas, a dirixida a persoas autónomas con ou sen empregados, de entre 1.200 e 2.000 euros, xa se abriu a semana pasada e para ela recibíronse 17.009 solicitudes que xa teñen comprometidos 21 millóns de euros. 

A nova orde de axudas especifica que son compatibles coa primeira liña de subvencións habilitada pola Xunta, así como con calquera outra axuda das administracións públicas. 

O prazo máximo para resolver e notificar é dun mes, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

BENEFICIARIAS. Deste xeito, a partir deste sábado e ata o próximo 28 de decembro poderanse solicitar estas axudas, das que se poderán beneficiar microempresas e persoas autónomas con persoal contratado, así como estes colectivos e pemes de sectores especialmente paralizados –lecer nocturno, atraccións de feira e determinadas actividades como transporte, axencias de viaxe, cines, comidas preparadas para eventos, parques de atraccións e similares–. 

As contías, segundo a Xunta, irán desde os 4.000 aos 5.000 euros e para acceder a elas hai que ter un Erte autorizado pola covid desde a declaración do estado de alarma e achegar perdas de polo menos o 45 por cento como consecuencia da pandemia. Como contraprestación, os empresarios deberán comprometerse a manter o emprego seis meses. 

Comentarios