Ábalos: "¿Indultos polo 1-O? Temos a obrigación moral de aliviar tensións"

O PP considera "bochornosas" as declaracións do ministro sobre os presos independentistas
El ministro de Transporte y Movilidad, José Luis Ábalos.FERANNDO VILLAR (Efe)
photo_camera O ministro de Transporte e Mobilidade, José Luís Ábalos.FERNANDO VILLAR (EFE)

O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, afirmou que "o Goberno ten a obrigación legal de tramitar os indultos e a obrigación moral de aliviar tensións que poidan danar a convivencia".

Así se expresou nunha entrevista en La Vanguardia, na que, en relación cos informes da Fiscalía e o Tribunal Supremo sobre este asunto, subliñou que España é "un Estado de Dereito con separación de poderes".

"O Goberno respecta sempre as decisións dos tribunais e espera respecto das decisións que tome no ámbito das súas competencias", subliñou.

Segundo Ábalos, "dentro do respecto á Constitución e as leis, debe facerse o necesario para reenganchar a Cataluña ao proxecto común. Calquera xesto que contribúa á normalidade política e á reconciliación e a convivencia é positivo".

A reforma do delito de sedición "farase máis pronto que tarde", indicou, porque "corrixir algúns desfasamentos do Código Penal permitirá a súa equiparación cos doutros países" da contorna, onde "un delito equivalente ao dunha sedición non protagonizada por militares non é castigado con máis de catro anos de cárcere".

Ábalos, secretario de organización do PSOE, espera que as eleccións do 14 de febreiro en Cataluña abran un novo escenario político, porque "non se pode situar a convivencia ao bordo do precipicio e seguir dando empuxóns ao baleiro".

Sobre un eventual entendemento con ERC tras o 14-F, recordou que "Miquel Iceta xa avanzou que o PSC non pactará con ningún partido que defenda a independencia, e iso implica que non formará parte dunha coalición con Esquerra nin selará cos republicanos un acordo de lexislatura".

"Ao que estamos dispostos é a apoiar calquera espazo que permita normalizar a situación política. Queremos romper os cadeados e dar renda solta á esperanza. Hai que construír pontes e non destruílos, e a argamasa necesaria para facelo é o diálogo", engadiu.

"BOCHORNOSAS". A vicesecretaria de Política Social do PP e deputada no Congreso, Ana Pastor, tachou de bochornosas "e lamentables" as declaracións do ministro de Transportes.

En declaracións aos medios este domingo en Pontevedra, a exministra asegurou que as declaracións de Ábalos constitúen unha mostra de que o Goberno pretende "pagar os favores aos seus socios indepententistas" cun indulto aos condenados polo reférendum de 2017. 

"Non se pode lexislar á carta", aseverou Pastor, que invitou ao ministro a ocuparse dos asuntos relacionados coa súa carteira, como os transportistas retidos en Reino Unido ou o control de pasaxeiros no aeroporto de Barajas, en Madrid.