As aerolíneas xa programan voos desde Alemaña e Reino Unido a Canarias

A conselleira de Turismo celebra que se levantes as restricións

As aerolíneas xa teñen programados 71 voos desde Alemaña, cunha oferta de 13.000 prazas, e 92 desde Reino Unido, con 18.000 prazas, con destino a Canarias, despois de que ambos os países levanten as restricións que mantiñan ao turismo nas illas.

Aínda que será necesario ver como quedan as programacións finais, desde o día 24 ata o venres 30 de outubro, xa se programou ese número de voos, informou a conselleira de Turismo, Industria e Comercio do Goberno de Canarias, Yaiza Castela.

“Había unha demanda latente, moi forte por parte dos turoperadores e das compañías aéreas, pero que non se vía acompañada polas reservas dos pasaxeiros, en gran medida porque a obrigación da corentena estaba a frear as decisións de viaxe do noso principal mercado emisor”, indica a conselleira nun comunicado.

Castela considera “magníficas” as noticias sobre o levantamento das advertencias de non viaxar a Canarias e a supresión de corentenas ao regreso a Alemaña e Reino Unido desde as illas, xa que estes dous mercados supoñen o 55 % dos turistas que reciben ao ano.

Así mesmo, mostrou o seu convencemento de que a decisión de ambos os países sobre a seguridade de Canarias, levantando as súas restricións ás viaxes, suporá unha reactivación das reservas, freadas polas decisións sobre a mobilidade dos gobernos.

No entanto, a conselleira entende que hai que ser prudentes “posto que seguen existindo moitos riscos en Europa alleos ao noso control que fai que a demanda de viaxes en xeral estea moi debilitada”.

Por iso, informa de que o Goberno de Canarias “prepara medidas para xerar aínda máis confianza nas viaxes ás illas".  

Comentarios