Bárbara Rey comparecerá no Senado para explicar se recibiu diñeiro tras a súa relación con Juan Carlos I

A actriz recibiría diñeiro de fondos reservados para ocultar a relación

A Mesa do Senado aceptou a solicitude realizada polo senador de Compromís, Carles Mulet, para que compareza na Cámara Alta a actriz María García García, coñecida artisticamente como Bárbara Rey, para "explicar as informacións que apuntan a que recibiu diñeiro público de fondos reservados para que non fixese públicas as súas supostas relacións con supostos cargos do Estado". 

Deste xeito, a Cámara Alta decidiu aceptar esta solicitude e remitiuna á Comisión de Interior, cuxa Mesa, formada por tres membros do PSOE e dous do PP, será a que tramite esta petición, poña data e invite á actriz a comparecer ante o Senado para dar conta destas cuestións formuladas polo senador valenciana. 

Mulet fixera esta solicitude coa intención de que Bárbara Rey "explicase a veracidade das informacións publicadas segundo as cales supostamente recibiu por parte de persoas do entón Cesid, ou outros altos estamentos do Estado inxentes cantidades de diñeiro público de fondos reservados e posibles prebendas como a contratación por parte dunha televisión autonómica para que non fixese públicas as súas supostas relacións con supostos altos cargos do Estado". 

Na actualidade, segundo denuncia Mulet, existe un bloqueo pola "falta de actividade" da presidencia desta comisión, "que non permitiu as comparecencias solicitadas polos grupos, entre as que destacan as dirixidas o propio ministro Fernando Grande-Marlaska. 

"Estamos a falar dunha enorme malversación de fondos reservados, que por moi materia de segredo de Estado, non poden estar destinados nunca a comprar o silencio das aventuras sexuais do monarca emérito", subliñou o senador de Compromís.

Comentarios