Carmen Calvo: "Os achegados son as persoas que están na túa vida"

Carmen Calvo. EFE
photo_camera Carmen Calvo. EFE

A vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, explicou este venres que os achegados aos que se poderá visitar entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro son "as persoas que están na túa vida", e cre que "non fai falta un tratado lingüístico" para entender o termo. 

Calvo referiuse así nunha entrevista en RNE ao acordo alcanzado entre Goberno e comunidades autónomas para limitar a entrada e saída nas comunidades e cidades autónomas entre esas datas, coa excepción de visitas a familiares ou achegados, o que xerou confusión. 

"Teño a sensación de que estamos a vivir unha situación triste ás veces con moitos problemas de inseguridade e encerellámonos", lamentou Calvo, quen insistiu en que o pacto alcanzado no seo da conferencia interterritorial "enténdese ben en castelán". "Non deberiamos facer un debate disto: o debate é movernos o menos posible", dixo. 

Máis información: Así é o plan para Nadal: restricións, toque de queda...

Nesa liña, a vicepresidenta explicou que ela non irá á súa casa en Cabra (Córdoba) para pasar o Nadal, senón que quedará en Madrid co seu "núcleo familiar" máis próximo. "Será a primeira vez que non estea no meu pobo, pero o ano que vén seguramente serán como toda a vida. Temos que dar exemplo", insistiu. 

Preguntada sobre se estaría disposta a vacinarse en público, tal e como fará o presidente electo de Estados Unidos, Joe Biden, Calvo dixo que o fará "se vén ben" que haxa unha escenificación en público para que "todo o mundo confíe na ciencia e a solvencia das vacinas". 

"Cumprirei as normas nos grupos nos que entre. Pense que este ano nos vacinamos [da gripe] máis españois ca nunca. Somos un país con moita confianza nas vacinas. Somos unha sociedade que, a diferenza doutras, temos avanzado este comportamento", resolveu.

Comentarios