Darias: "Haberá terceira dose da vacina, pero hai que determinar cando"

Ao ser preguntada sobre se deberemos vacinarnos cada ano e se será necesaria unha terceira dose, a ministra de Sanidade asegurou que "todo parece apuntar que si"
Carolina Darias. EUROPA PRESS
photo_camera Carolina Darias. EUROPA PRESS

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, confirmou que haberá terceira dose da vacina e para iso, da man da UE, subscribíronse novos contratos con Pfizer e Moderna, aínda que falta por determinar cando se inoculará esa dose de reforzo.

En declaracións en Onda Cero, Darias asegurou que hai que seguir vacinando "ata o 100 por cen ou estar cerca e seguir vacinando ao resto da humanidade porque ninguén estará seguro" se non se fai. "O virus ten un xeito de vivir que é mutando", advertiu.

"España, da man da UE, subscribiu novos contratos para os anos 2022 e 2023, levamos máis de 4.000 millóns investidos en vacinas, pero é o mellor investimento porque permitirá salvar vidas, e cando cheguemos ao 70% hai que seguir traballando", explicou a responsable de Sanidade.

Ao ser preguntada sobre se deberemos vacinarnos cada ano e se será necesaria unha terceira dose, Darias asegurou que "todo parece apuntar que si".

En concreto, detallou que "da man da UE e das persoas expertas que asesoran á Comisión xa subscribimos contratos con Pfizer de 1.800 millóns para o 22 e 23 da terceira dose e con Moderna duns 480 millóns" para eses anos. "Si" haberá terceira dose, dixo Darias,"pero haberá que determinar cando".

Sobre a vacina pediátrica, asegurou que é un debate "non exento de dificultade" pola disparidade de criterios entre os profesionais, polo que se mostrou partidaria de traballar para buscar consenso segundo as evidencias científicas de cada momento.

Sobre o uso das máscaras, insistiu en que o Goberno defende que "a máscara debe seguir connosco, pero non sempre posta" se se cumpren os requisitos para non facelo no exterior e coa distancia de seguridade.

Para Darias, é o mesmo criterio que defende o Goberno Vasco no seu último decreto sobre o uso de máscaras. "Pilotamos coa mesma idea".

Comentarios