Despiden a unha moza por asistir ao desafiuzamento da súa casa

Amaya Muñoz, a moza de 31 anos despedida por faltar a traballar o día do seu desafiuzamento, sinalou que a súa xefa lle dixo que "xa era maiorciña" para ausentarse e que asumise as responsabilidades que leva un posto laboral.

Nunha entrevista con Efe, a moza explica que se dirixiu á súa xefa para solicitarlle o día libre para estar presente no seu desafiuzamento, pero que recibiu unha negativa xunto cunha advertencia ante o que puidese suceder se finalmente non acudía a traballar.

Critica, ademais, o trato que recibiu dunha superiora que, segundo lamenta, se mofó dun vídeo que circula por internet no que se aprecia a súa "angustia e ansiedade" ante a situación acontecida polo desafiuzamento e que lle impediu traballar durante noves días por prescrición médica.

A polémica arrincou en setembro cando Amaya solicitou permiso á súa xefa para ausentarse o 11 de setembro en virtude dunha orde de desafiuzamento que ía cumprirse ese día.

"Díxome que non, que non me podía darme o día libre porque xa son maiorciña e debo coñecer as responsabilidades de que teño que traballar", asegura a moza, que propuxo un cambio de horario para poder compaxinar o desafiuzamento e o seu traballo, ao que a súa superiora respondeu cunha negativa.

Así as cousas, a moza decidiu faltar ao traballo o día do seu desafiuzamento que terminou cunha visita ao médico ante a ansiedade provocada por este acontecemento, relata.

A doutora deulle a baixa laboral ata o 20 de setembro ao soster que non estaba en condicións de ir traballar, aínda que se reincorporou o 23 dese mesmo mes.

A súa sorpresa chega cando a empresa lle comunica o pasado 25 de outubro o seu despedimento por exceder o 20 % de faltas acreditadas, cifra que inclúe a súa baixa derivada do desafiuzamento e os días 11 e 17 de outubro por enfermidades xustificadas.

Na súa carta de despedimento, a empresa Konecta BTO, que non quixo facer comentarios sobre o caso, apela á última reforma laboral aprobada polo Goberno que preside Mariano Rajoy para xustificar o seu despedimento.

A moza, que destaca o "enorme apoio" recibido tanto polos seus compañeiros como por movementos populares, anuncia accións legais contra a compañía para conseguir, nesta orde, o despedimento nulo, improcedente ou a readmisión.

Con todo, recoñece que "xudicialmente é posible que non poida lograr nada dado que é legal o que fixeron", pero engade que vai intentalo por outras vías e para iso cita as 35 horas de asuntos médicos que o seu convenio laboral establece.

Amaya confía en que os sindicatos a protexan e logre ser readmitida para así poder axudar a outros traballadores "que pasaron por situacións similares nesta empresa pero que non se atrevían a denunciar por medo".

A moza, que levaba un ano sen pagar o aluguer tras ser despedida pola súa anterior empresa, foi desafiuzada o 11 de setembro tras un primeiro intento que foi freado o pasado 16 de xullo pola plataforma pola vivenda de Madrid.

Comentarios